Un ano máis, a rede comercial da compañía de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski súmase aos festexos polo Día das Letras Galegas, nesta ocasión coas cantareiras e a poesía popular oral como protagonistas nas súas tendas. 150 dos seus establecementos hipermercados Eroski, supermercados Eroski Center e Autoservicios Familia de Galicia lucirán carteis conmemorativos deseñados polos alumnos do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro de Cerceda e entregarán este mes bolsas de compra de edición especial.
O supermercado Eroski Center de Xuxán, na Coruña, acolleu unha pegada de carteis coa que a compañía presenta á súa tradicional campaña das Letras Galegas, froito do seu compromiso coa identidade galega, da man da Xunta. O evento, que acolleu unha actuación musical en homenaxe ás cantareiras a cargo da Agrupación Folclórica Aturuxo, contou coa participación do secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García; o director de hipermercados, supermercados e gasolineiras Eroski, Florentino Vázquez; a directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa, Gabriela González; e da xefa de tenda, Ana Belén Fernández, acompañados por outros representantes da compañía.
“Un ano máis, desde Vegalsa-Eroski celebramos o Día das Letras Galegas nos nosos establecementos xunto aos nosos clientes, poñendo sempre no foco a importancia de impulsar a nosa cultura e a nosa lingua, tal e como fixeron as cantareiras ao longo da historia”, remarcou a directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa, Gabriela González.
Como novidade, a compañía repartiu o xoves e onte imáns e marcapáxinas coa imaxe da campaña de Vegalsa-Eroski para as Letras Galegas nos seus hipermercados Eroski, supermercados Eroski Center e Autoservicios Familia. Esta ilustración especial fai homenaxe á figura das cantareiras, representadas a través de elementos que reflicten os seus atributos e instrumentos máis emblemáticos, como a pandeireta ou a voz. Ademais, os marcapáxinas recollen coplas da Muiñeira II das Cantareiras de Mens, grupo que personifica ás cantareiras nesta celebración. Esta semana a compañía tamén deu a coñecer aos gañadores do sorteo de tres lotes de produtos galegos, levado a cabo a través das súas redes sociais con motivo desta celebración.
A aposta de Vegalsa-Eroski por potenciar os valores propios da identidade galega reflíctese no seu cadro de persoal e na súa firme aposta polos provedores galegos. Tamén nas súas tendas, na súa comunicación comercial e na súa marca propia.