jueves 19.09.2019

Javier Losada reitera ante o presidente da RAG o seu compromiso coa lingua galega

Ademais do uso do idioma, os dous responsables das institucións trataron a rehabilitación do edificio da Academia

Freixanes e Losada durante a sinatura no Libro de Honra da RAG | quintana
Freixanes e Losada durante a sinatura no Libro de Honra da RAG | quintana

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, realizou onte unha visita institucional á sede da Real Academia Galega (RAG), onde mantivo unha reunión co presidente da entidade, Victor F. Freixanes.
A visita do delegado serviu para reiterar o compromiso do Goberno español co uso institucional do galego, e así o manifestou Losada no Libro de Honra da RAG, onde insistiu na súa disposición “para que este legado que nos fai únicos siga contando co máximo apoio institucional”.
O delegado do Goberno anunciou que o próximo ano a Delegación do Goberno organizará un programa de actos con gallo do Día das Letras Galegas, ao igual que se fai con outras celebracións, como o 25-N.

O obxectivo dese programa de actividades é facer visible o apoio do Goberno á promoción e uso do galego. Sobre todo, centraranse fundamentalmente no tocante ás institucións estatais que están ubicadas en Galicia e nas relacións que estas manteñen coa sociedade galega.
Losada lembrou que “queda traballo por facer, sobre todo no mundo hiperconectado que estamos a vivir”, pero engadiu que “estamos xuntos co resto de institucións públicas e coa Real Academia na batalla por manter a nosa lingua como vehículo de comunicación vivo neste contexto tan complicado”.


Patrimonio común
Freixanes agradeceu en nome da Academia a visita de Javier Losada e a xuntanza na que abordaron ese compromiso co idioma.


“Agradecemos a visita do delegado do Goberno e teremos oportunidade de conversar sobre as necesidades da RAG e da posibilidade de que o Estado entenda a significación dun patrimonio común que non é só dos galegos, senón do conxunto dos españois”, salientou Freixanes.


“Hoxe quero trasladarlle ao presidente da Academia e a todos os seus membros, pero sobre todo a todos os galegos, a importancia de facer da nosa lingua un elemento de identidade, solidariedade, cooperación e de facer Galicia, de facer país”, contestou Losada.

A rehabilitación do edificio que alberga á Academia foi outro dos temas sobre o que conversaron ámbolos dous responsables institucionais. A actuación conta desde hai anos co compromiso do Ministerio de Fomento, que a comezos do ano 2018 resolveu o concurso de definición do proxecto arquitéctonico. O presidente da RAG manifestou a súa confianza en que este proceso siga a súa marcha unha vez constituído o novo Goberno e que conte co financiamento preciso nos vindeiros Orzamentos Xerais do Estado.

Comentarios