Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia encherán de música en directo esta ponte do 15 de agosto con concertos espallados por toda Galicia. Localidades como Sober, en Lugo; Cedeira, en A Coruña, ou Sanxenxo, en Pontevedra, serán testemuña dos directos máxicos de grandes figuras da escena musical de hoxe e de sempre coma Carlos Núñez ou Budiño, sen esquecer a figuras que pisan forte nas listas de escoitas máis actuais, como Guitarricadelafuente, ou a clásicos atemporais para públicos de diversas xeracións, como Café Quijano.
O Festival Costa Feira, en Sanxenxo, animará toda a ponte cos potentes directos de Café Quijano (o venres 15) e Guitarricadelafuente (o sábado 16). Nove discos de estudio, un en directo, decenas de premios e múltiples nomeamentos vertebran a traxectoria firme de Café Quijano e, tamén, o presente doce de quen fora recoñecida como a agrupación que mellor representou a música latina desde o noso país nos inicios dos 2000. A banda chega agora aos Concertos do Xacobeo para celebrar a vida coa súa música, con toda a súa elegancia e súa lealdade ao noso orixe latino intactas.
Ademais, Costa Feira suma ao seu ecléctico cartel o talento único de Guitarricadelafuente. O artista, recoñecido pola súa voz singular e a súa persoalísima maneira de reinterpretar o folk contemporáneo con influencias de raíz, ofrecerá este 16 de agosto un concerto que, sen dúbida, será un dos grandes momentos do ciclo. Así, Guitarricadelafuente chegará aos Concertos do Xacobeo nun momento crucial da súa carreira, tras o lanzamento do seu segundo e aclamado álbum Spanish Leather, traballo que o consolidou como todo un referente para esa nova xeración que busca reimaxinar a tradición desde a máis pura autenticidade e cunha sensibilidade contemporánea.
Mentres, Emilio Rúa ofrecerá actuará coa xira do seu 25º aniversario en Triacastela o sábado 16. O cantautor ourensán leva sobre os escenarios desde os cinco anos. Publicou oito discos, entre eles Vida miña, Destinos Sur, Querida alegría ou Tinta do poema, con colaboracións de artistas como Uxía, Luís Tosar, Guadi Galego ou Kepa Junkera. Gañador de dous premios nacionais de cantautores cantando en galego (Cantigas de Maio e Xóvenes Cantautores de Elx), tamén colaborou en proxectos audiovisuais galegos como o documental En son de paz, a serie Chapa e pintura ou a película Pradolongo.
Finalmente, Carlos Núñez aterrará nos Xardíns do Palacio de Sober coa súa singular Xira Lugares Máxicos 2025. Os Concertos do Xacobeo apoian, así, unha das citas máis especiais da música galega este ano: esta
nova xira de Carlos Núñez, considerado como un dos mellores gaiteiros do mundo, que é un percorrido emocional e musical único polos espazos con alma da nosa terra.
Concertos do Xacobeo, un programa plural que apoia os principais eventos de Galicia
Turismo de Galicia impulsa a través dos Concertos do Xacobeo un programa amplo e plural que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais este 2025. En total serán máis de 150 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en 70 localidades de toda Galicia.
Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.