Os alumnos de terceiro da ESO do IES Monelos ceden á ONCE un conxunto celular en 3D

Nunca antes o traballo que Paula Neira contempla no primeiro trimestre para que os alumnos de bioloxía de terceiro da ESO se acheguen ao fabuloso e microscópico mundo das células conseguiu o aplauso do público máis alá do IES Monelos porque as creacións que os rapaces enxeñaron en poliespán e cartón espertaron o interese da Fundación ONCE, que lles propuxo á mestra e aos pupilos a posibilidade de cedelas a membros do colectivo para que as toquen e analicen e poidan diferenciar as partes das que se compoñen. Pasou que os estudantes se esmeraron moito en customizalas ao gusto e seguindo os parámetros que marca a ciencia fabricaron células eucariotas, animais e vexetais. Conta a profesora que as fixeron pola súa conta, sen que ela lles dese premisa ninguna: “Quedaron tan ben que despois de presentalas quedaron dous meses expostas”. 


Explica que á rapaza da ONCE lle pareceu moi interesante por ser en 3D e “cando as retiramos comenteillo aos alumnos se querían doalas”. Todos quixeron facelo porque pensaron que as súas células de cores non podían ter mellor destino que facelas útiles. 

Así que as unidades mínimas de vida gañaron máis valor polo xesto dos adolescentes e onte, as dúas clases de terceiro materializaron a cesión posando para o obxectivo coas súas criaturas en primeiro plano.

Para darlles forma, conta Paula que empregaron plastilina, cartón e todo o que se lles ocorreu, incluso houbo un grupo que lles pegou perlas e outro, lentellas, que xogaron a ser ribosomas. Déronlle corda á imaxinación e usaron spaguetis como se fosen centrosomas e en tres semanas, apareceron na clase cunha amalgama de células de distintas texturas que lles servirán aos da ONCE para asimilar e colocar na súa cabeza a morfoloxía dunha destas. Nun contexto de aprendizaxe que se estenderá fóra do centro: “Ao estar moi ben definidas, axudaralles a notar as diferenzas”. Confesa que os nenos non esperaban o acto de onte: “Cando os baixamos para facer a fotografía foi unha sorpresa”. 

Está orgullosa deles: “Son bastantes traballadores. Un día atopei a varios na biblioteca traballando xuntos a célula”. Aínda así, non agardaba unha resposta tan bonita. Paula Neira non puido facer máis que darlles a máxima puntuación. Académica e, sobre todo, humana.

Os alumnos de terceiro da ESO do IES Monelos ceden á ONCE un conxunto celular en 3D

Te puede interesar