Francisco Jorquera | “Se de algo adoece a cidade é que os cambios non se están verificando e o BNG pode aportar ese impulso”

Francisco Jorquera | “Se de algo adoece a cidade é que os cambios non se están verificando e o 
BNG pode aportar ese impulso”
Francisco Jorquera inicia unha nova etapa na política municipal | quintana

Francisco Jorquera dá o salto da política nacional e autonómica á local como candidato do BNG á Alcaldía. Defende a experiencia dos nacionalistas para darlle á transformación que cre que non se produciu nestes anos.

Como van as primeiras semanas como cabeza de lista?
Son de traballo de preparación da campaña, queda moitísimo tempo. Con moita ilusión, creo que a proposta que formula a asemblea local do BNG dese tándem formado por Avia Veira e máis eu foi moi ben acollida, a recepción está sendo moi boa e con moitas gañas para o traballo tan intenso que se aveciña.

Cales foron os motivos que lle levaron a dar este paso?
Cando decidín abandonar as responsabilidades como parlamentario seguín comprometido co BNG e co proxecto no que acredito. Era necesario pechar un ciclo e abrir paso a novos referentes como Ana Pontón. Houbo persoas do BNG e de fora que me pediron que tivese disposición a aceptar se era proposto para ser cabeza de lista na Coruña. Reflexionei sobre iso e había unha condición sine qua non, que a proposta fose asumida con convicción polo conxunto dos militantes e simpatizantes, que non xerase desintonía, e tamén era moi importante que fose unha proposta en paquete. Avia Veira está a facer un traballo excepcional, a ela tocoulle asumir a portavocía nunhas condicións moi difíciles e pese a situación de partida tan difícil fixo un traballo excelente e así é valorado. Tiña que ser unha proposta onde o que eu poida aportar á candidatura do BNG, conxugado coa frescura, experiencia e rigor que demostrou Avia, nos reforzásemos mutuamente. Para min é unha honra e un reto.

Entón foi máis unha proposta que lle fixeron que algo que plantease vostede?
Foi froito dunha proposta que me trasladaron distintas persoas no caso de que se formulase, pero ninguén me puxo ningunha pistola no peito. É un orgullo poder traballar dende o Concello na mellora da cidade.

Di que puxo como condición que Avia estivese na lista.
Era importantísimo. En política é moi importante ser xustos, o traballo de Avia é excelente, iso non é percibido só internamente, senón tamén a nivel social. Ademais, esa cabeceira de lista formando tándem entre Avia e máis eu se reforza mutuamente. Se da unha circunstancia en certo modo paradóxica. Eu son veterano na política e podo aportar rigor e experiencia, pero se da a circunstancia de que son inexperto na política municipal, non teño problema en recoñecelo. En cambio, Avia é unha persoa nova pero cunha bagaxe municipal extraordinaria. Coñece á perfección os problemas e necesidades dos cidadáns e formamos un tándem que se reforza. A asemblea local apostou por esta fórmula para visibilizar ese equipo pero non porque o noso obxectivo sexa acadar dous concelleiros, é moito máis ambicioso e imos concorrer ás eleccións coa vontade real de liderar a política municipal.

Di que é novo na política municipal. Xa está Avia poñéndolle ao día de todos os asuntos?
Teño moitos defectos pero entre eles non está o de ser frívolo en política, son rigoroso e responsable e desde o momento en que se plantexou a posibilidade de que fose o candidato á Alcaldía, e aínda que a política local me interesaba e procuraba estar informado dos principais asuntos, fixen un esforzo de actualización para coñecer con máis detalle os problemas da cidade e niso sigo porque é importante un traballo de formación permanente.

Despois de tantos anos na política, pero non na municipal, sente incerteza ante o cambio?
Medo non, o asumo como un reto. Unha das virtudes da política municipal é que permite un contacto moito máis directo cos cidadáns e eu resido na Coruña desde os nove anos, aquí naceron a miña muller e os meus fillos, síntome coruñés e os problemas da Coruña son os meus. En calquera caso, nunca tiven a oportunidade de traballar dunha maneira tan directa e de levar as cousas na cidade como agora. Non sinto en absoluto medo escénico.

Menciona que o obxectivo do BNG nas eleccións é liderar a política municipal. Vense capaces de acadar a Alcaldía?
Sabemos que é difícil, inxenuos non somos pero hai precedentes de candidaturas que mesmo sen ter representación logo obtiveron un resultado que lles permitiu liderar a política local. Partimos da convicción de que o BNG ten moito que ofrecer á sociedade coruñesa, temos un proxecto de cidade e se de algo adoece a Coruña na actual etapa é da falta dun proxecto e cara onde se quere avanzar. O BNG ten pulsión transformadora, se de algo adoece a cidade nestes momentos é que os cambios, máis alá de aspectos puntuais ou xestuais, non se están verificando. Non hai cambios profundos e o BNG pode aportar ese impulso transformador fronte a perda de impulso dos últimos anos. O BNG conxuga dúas cousas, unha forza con vontade transformadora que vai concorrer coa vontade clara de liderar a política municipal pero tamén demostrou na súa amplia experiencia nos concellos do noso país capacidade de acordo e negociación. Sexan cales sexan os resultados das vindeiras eleccións municipais creo que todos podemos prognosticar que non vai haber ningunha forza política que reúna os apoios suficientes para gobernar en solitario, o mapa político é cada vez máis plural e iso é unha realidade que naceu para quedarse e consolidarse. Nun contexto dese tipo, que vai esixir da capacidade de chegar a acordos entre diferentes forzas, unha garantía é que o BNG ten capacidade de acordo e negociación. Nos últimos anos un dos déficits é a incapacidade de negociar e chegar a acordos que dotasen de estabilidade á acción política municipal e mesmo con outras administracións.

Cre que a Marea Atlántica fallou nese aspecto?
A responsabilidade non pode focalizarse única e exclusivamente na Marea. A situación de inestabilidade que caracterizou a nivel local nos últimos anos tamén tivo un impacto nesas dificultades de dotar dun mínimo de estabilidade a acción de goberno, as dificultades para aprobar os orzamentos e os seus retrasos coas consecuencias negativas que iso tivo para os coruñeses, pero quen lidera a corporación municipal sempre é o principal responsable de chegar a acordos e moitas veces non se materializaron.

Fala de liderar a política municipal, pero con que resultado dase por satisfeito?
Non é o momento de xogar ao bingo, antes de facer prognósticos queda un ano de traballo intenso. Neste ano ímonos volcar en complementar a proposta dese tándem que fixo a asemblea local ofertando á sociedade unha equipa potente e capaz de dirixir a cidade e de recuperar o impulso que se perdeu. Imos traballar na conformación dunha candidatura moi ambiciosa, cun marcado perfil social e non conformada solo por militantes do BNG, senón dando participación a persoas moi valiosas que compartan o proxecto de cidade. Desde comezos de setembro faremos un ciclo de reunións con todo tipo de colectivos sociais, entidades barriais, asociacións cívicas. Encontros cos distintos sectores sociais para coñecer a diagnose que fan dos problemas da cidade e coñecer as súas propostas.

Fala dun panorama no que poden estar moitas forzas. Cre que Ciudadanos ou Alternativa dos Veciños poden ter oco?
Gústame ser cauto nos prognósticos, procuro facer análises e non exercer de pitoniso. No caso de Ciudadanos pode pensarse que por mero reflexo da incidencia que ese partido acadou no Estado pode ter posibilidades reais de acadar representación no Concello, pero creo que ese partido viviu mellores momentos dos que agora están vivindo. Non teñen referentes nin un traballo coñecido, o único que se sabe deles na cidade son os seus líos. No caso de Alternativa dos Veciños é unha alternativa de carácter local, a presentación hipotética de candidaturas obedecería ao desexo de ter máis incidencia na Deputación.

Francisco Jorquera | “Se de algo adoece a cidade é que os cambios non se están verificando e o BNG pode aportar ese impulso”

Te puede interesar