sábado 16/1/21

“Proxecto Cárcere” celebra os dous anos con “chiculate”

“Proxecto Cárcere” celebrará dous anos en activo cun “Chiculate no Cárcere” este domingo a partir das 12.00 horas. Os participantes no encontro gastronómico festivo so terán que traer unha taza e bollos. 

A Policía impedía en abril a entrada do colectivo para limpar          quintana
A Policía impedía en abril a entrada do colectivo para limpar quintana

“Proxecto Cárcere” celebrará dous anos en activo cun “Chiculate no Cárcere” este domingo a partir das 12.00 horas. Os participantes no encontro gastronómico festivo so terán que traer unha taza e bollos. O cacao quente poñerano unha asociación que volve á carga. Así que ademais da degustación de balde, os asistentes falarán das propostas máis axeitadas para a prisión e intercambiarán impresións e vivencias acontecidas nun tempo en suspense para un edificio que segue a estar morto. Sen vida.

O seu presente pasa por unha vellez mal levada porque se primeiro o acceso fácil ao interior fixo que o edificio se convertera en vítima de distintos actos vandálicos coa rotura dos cristais do panóptico e numerosas pintadas nas paredes, as fendeduras e cubertas continúan abertas a todo tipo de filtracións de humidade, o que está a deteriorar a súa saúde a pasos axigantados.

Despois de albergar distintos actos culturais como a mostra de cinema (S8) ou a exposición de Isabel Coixet, o Concello non volveu a tocar a prisión nada máis que para tapiar as portas co fin de evitar a entrada de vándalos e dos mesmos integrantes do colectivo, aos que se lles impedía a entrada en abril por intentar organizar unha xornada de limpeza do interior, ateigado de xeringas e suciedade. No que se refire a este abandono, o Concello afirmaba que eles nada podían facer xa que a propiedade aínda está en mans do Ministerio de Interior e o seu mantemento depende deles, máis en concreto da Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SEIP).

A plataforma volve á carga e lamenta o estado de deterioro da vella prisión

Desde Proxecto Cárcere falan dun absoluto silencio por parte de María Pita. Cren que o único que pode mobilizar á Administración para buscar un destino ao cárcere é que desde Unesco reciban ameazas de quitarlle a distinción como Patrimonio da Humanidade á Torre de Hércules. Isto pode ser un motivo de peso, segundo a asociación, para que se poñan a traballar nun borrador acerca da potenciación do entorno do faro que impulse ao monumento para que siga mantendo o título.

Aínda así, eles non teñen pensado tirar a toalla e tras este primeiro reencontro con visita guiada externa incluida, o seguinte será participar o 1 de decembro no Off Culturgal 2012 no apartado “99% creatividade”. Deste xeito, levarán as súas ideas á Feira de Industrias Culturais de Galicia en Pontevedra co fin de expandir a situación do edificio.

Por outra parte, Proxecto Cárcere está presente desde o 9 de novembro na radio a través da emisora libre CUAC FM. No 103.4 da FM.

A plataforma emite o programa “Ondas do Cárcere” cada dous venres de 21.00 a 22.00 horas, un espazo onde a xente pode aportar experiencias e coñecementos cara a recuperación do centro para uso público. Se a primeira entrega foi adicada á liberdade, na segunda –que está prevista para este venres– os rapaces tratarán o espazo físico do cárcere e o feito de que, á marxe dos organismos públicos, está a espertar o interese de moitos veciños.

A asociación componse na actualidade de 154 membros, nos que se inclúen particulares e colectivos, que están divididos en diferentes grupos de traballo co obxectivo de artellar unha segunda vida do inmoble en torno ás distintas disciplinas artísticas e agrupacións sociais coruñesas. Eles farán unha labor de difusión nos vindeiros meses polo Concello e as distintas entidades.

Comentarios