Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Betanzos

Por que Betanzos estraña a Idade Media?

banner-620x50
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620
MCDONALDS 620X50

A Feira Franca Medieval de Betanzos encara unha nova edición co compromiso de seguir medrando e reivindicando a súa historia e a súa importancia como centro económico e social e como unha das capitais do antigo Reino de Galicia. Con esta celebración, a cidade enxalza a concesión polo rei Henrique IV dun mercado mensual sen alcabalas e conmemora algúns dos capítulos máis soados dunha época marcada pola inestabilidade que, seis séculos despois, convértese nun dos reclamos turísticos máis solventes das Mariñas.

A muralla, as igrexas e as incontables construccións civís vinculadas á nobreza son mostra da relevancia do Betanzos da Idade Media. Outros expoñentes, menos coñecidos pola cidadanía, son os que custodian no Museo das Mariñas. O seu director, Ánxel Arcay, dá as claves dalgunhas das xoias expostas no antigo convento de Santo Domingo.

Entre os sepulcros que alí se conservan están o do mercader e xefe irmandiño Afonso de Carvallido e a súa muller Clara Sanches. “Atopáronse nos anos  80 do século XX, durante unhas obras no adro de Santa María, dados a volta e no caso de Afonso, co seu rostro destrozado”, comenta Arcay. Está documentado o seu soterramento no interior da igrexa, como nobres, pero o achado é no exterior e isto débese á súa condición de alcalde da Irmandade de Betanzos. Os dous morren antes de que acabe a revolta e será “o xiro do guión desta historia, co triunfo da nobreza, o que poña o seu sepulcro boca abaixo e no exterior, nunha escaleira, para que calquera que acceda á igrexa o teña que facer pisando aos inimigos”, no que se entende como unha vinganza dos Andrade contra os sublevados coma Carvallido.

No museo tamén están algúns dos achados do antigo convento de San Francisco, mermado cos séculos, como o sepulcro –incompleto– de Sancha Rodríguez, a esposa de Andrade ‘O Bó’.  Cando o atopan deciden trasladalo a Santo Domingo, entón cuartel, e alí acaba como bebedoiro para os cabalos ata que o rescatan para investigar a súa procedencia e expoñer no Museo das Mariñas.

O denominado ‘Tesouriño de San Francisco’ é outra das mostras daquel Betanzos que agora se celebra, con dúas moedas de ouro de orixe europea que “non está moi claro como chegan ata aquí”, se a través do Camiño de Santiago ou do porto de Betanzos, que entón é o máis importante do golfo Ártabro.

Daquela época aínda se conservan o alfolí, dende onde se controla o comercio da sal, e a herdanza do Gremio dos Mareantes a través da súa danza, unha das que aínda se representan nas celebracións da cidade, que dá conta da súa relevancia na Idade Media. A que se achaca a ‘extinción’ do porto de Betanzos? O aumento do tamaño das embarcacións e o incremento das areas e o conseguinte cegamento  dos canais reducen a navegación e, sobre todo, a competencia, acabarán coa actividade mariñeira, da que apenas resiste unha casa ao carón da Praza do Peirao. Neste sentido, o responsable do museo aposta por incorporar ás escenas ou ao mapa da Feira Franca Medieval algún episodio vinculado a este preponderante porto de Betanzos.

No mosteiro de San Francisco tamén se atopou a imaxe dun Santiago Peregrino, incompleta pero datada no século XIV, polo que se considera a representación máis antiga do apóstolo como romeiro en Galicia.

Os distintos escudos recuperados de casas desaparecidas, as explicacións sobre o incendio que asolou a cidade ou a man do escribán Fernán Martíns, capelán e conselleiro de Fernán Pérez de Andrade, como tradutor da célebre Crónica Troiana, son tamén exemplos de todo o que o Museo das Mariñas ten que ofrecer do Betanzos ao que os seus veciños evocarán nuns días coa Feira Franca Medieval 2025.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620