A UDC oferta o próximo curso os novos graos en Intelixencia Artificial, cun itinerario dual

A Universidade da Coruña ofrecerá o próximo curso dous novos graos, o Grao en Intelixencia Artificial, na Facultade de Informática, no Campus de Elviña, e o Grao en Relacións Internacionais, na Facultade de Humanidades e Documentación, no Campus de Ferrol.


Ademais, entre outras novidades porase en marcha un itinerario en inglés para o alumnado do Grao en Tecnoloxías da Enxeñería Civil. O alumnado poderá optar por matricularse nun grupo con clases en inglés ou no grupo de docencia habitual con clases en español e galego.


“A UDC conta cunha oferta consolidada para dar resposta ás necesidades da sociedade presentes e futuras”, asegurou a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, no acto de presentación da oferta formativa esta mañá.


A vicerreitora salientou que a Universidade da Coruña é unha universidade dinámica, innovadora, aberta e participativa, con máis de trinta anos de existencia, tempo no que se reflexionou sobre a oferta académica para adaptala aos requirimentos da sociedade. Un proceso de adaptación que non remata nunca, opinou Vázquez, xa que, segundo os expertos, o 75% das profesións do futuro están por definirse. “Na UDC temos que formar a mozos e mozas que melloren o mundo”, resumiu a vicerreitora engadindo que “a universidade debe manter o seu protagonismo como motor de transformación social e impulsar o cambio”.


Nancy Vázquez rematou a súa intervención facendo unha petición ao alumnado que acaba de presentarse á Abau. “Que pense ben que quere estudar pois é unha decisión moi difícil e é moi importante elixir por vocación. Queremos que todo o estudantado abra a porta desta universidade e entre no seu futuro”, animou.


Grao en Intelixencia Artificial

O Grao en Intelixencia Artificial (IA) da Universidade da Coruña é unha crecente evolución natural no seo da Facultade de Informática pois son máis de trinta anos impartindo materias de IA no Grao en Enxeñaría Informática e con investigadores con resultados moi bos neste tema, o que fai que a UDC conte con profesorado experto para impartir este novo grao, segundo explicou a coordinadora do título, a profesora Bertha Guijarro.


Ademais, hai unha necesidade na sociedade de contar con profesionais en IA cunha demanda que Guijarro cuantificou que estaba a medrar nun 80% anual. En España hai moi poucas universidades nas que se ofreza esta titulación. Isto require, apuntou a coordinadora, “dunha resposta por parte da UDC para formar a eses especialistas e con este grao a Universidade da Coruña posiciónase nesa carreira”.


O Grao en IA impartirase de forma conxunta nas tres universidades galegas pero individualmente. Os dous primeiros anos serán de materias comúns e despois cada universidade terá a súa especialidade que, no caso da UDC será Sociedade e Empresa Intelixente. Ademais, en cuarto curso, a Universidade da Coruña ofrecerá un itinerario DUAL, é dicir, o alumnado poderá adquirir algunhas competencias directamente en empresas do sector TIC.


A IA coa mención de Sociedade e Empresa Intelixente formará a profesionais capaces de aplicar as ferramentas e métodos propios da IA non só a actividades cotiáns das persoas senón a diferentes áreas da actividade profesional e de servizos como o ámbito sanitario, industrias de materiais, enxeñaría, ámbito financeiro, educación, transporte ou medio ambiente. As persoas especialistas en IA gozan dunha situación laboral moi favorable, de pleno emprego, sendo un dos perfís profesionais máis demandados e mellor remunerados nacional e internacionalmente e un dos sectores de emprego máis puxantes.


Grao en Relacións Internacionais

O coordinador do Grao en Relacións Internacionais, Jorge Quindimil, explicou que “como internacionalistas levamos moito tempo esperando por este grao”.


Grao tamén moi ansiado por empresas e entidades do sector que parabenizaron á Universidade por cubrir unha necesidade formativa de profesionais que ían a universidades de Reino Unido ou Francia e que agora poderán facelo na UDC. Quindimil defendeu a importancia da internacionalización e a influencia que exerce un suceso en calquera lugar.


“Todo o que pasa no mundo nos afecta directamente xa sexa unha pandemia, a guerra de Ucraína ou a expansión de Inditex”, asegurou.


Este título, que será único en Galicia, Asturias, Cantabria e Castilla y León, é interuniversitario coa Universidade de Vigo. As materias dos dous primeiros cursos son comúns a todos os estudantes, sendo a metade das materias coordinadas por cada Universidade. A docencia destas materias será híbrida, de xeito que a docencia expositiva das materias coordinadas por cada Universidade será impartida presencialmente aos estudantes do seu campus e, ao mesmo tempo, por videoconferencia aos estudantes do outro campus; e a docencia interactiva se imparte de xeito totalmente presencial en cada campus, polo que un estudante poderá realizar toda a súa formación no mesmo campus en que se matricule. Os dous últimos anos serán os da especialización, que na UDC terán a mención de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.


O título terá a metade das materias en inglés. O perfil do alumnado, definiu Quindimil, é o dunha persoa “cunha extraordinaria sensibilidade por cambiar o mundo”. Como posibles saídas laborais, ademais do acceso ao corpo diplomático o titulado poderá traballar en ONG, en entidades públicas que teñen programas de cooperación ao desenvolvemento ou en empresas de exportación. O coordinador do Grao en Relacións Internacionais cifrou en máis de 3.800 empresas só en Galicia que se dedican á exportación, aportando como exemplo, os viños galegos con denominación de orixe que exportan máis do 90% da súa produción.


Oferta en inglés

A oferta da UDC inclúe varios graos que contan cun itinerario en inglés, de tal xeito que o estudantado que así o desexe poida cursar un 50% dos contidos en inglés como ADE, Enxeñaría Informática, Bioloxía, Estudos de Arquitectura, Dereito, Química, Economía e Tecnoloxías da Enxeñaría Civil.


Ademais ofrece catro graos internacionais nos que é posible obter o título pola UDC e outro por unha universidade estranxeira de referencia, e son os graos en ADE, Dereito, Enxeñaría Informática e Inglés: estudos lingüísticos e literarios.


Os graos en Xestión Industrial da Moda e o novo de Relacións Internacionais impartirán a metade das materias en inglés polo que é necesario acreditar un nivel mínimo de este idioma. O alumnado procedente de centros públicos de bacharelato de Galicia cunha nota media de 7 en inglés non terá que facer nada. O resto de estudantado terá que acreditar o nivel de inglés no momento en que faga a matrícula.


Así mesmo, a UDC dispón dun grao cun itinerario de formación DUAL, pioneiro en Galicia, o Grao en Enxeñaría Eléctrica que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol. Ademais ofrece dous graos abertos, o de Ciencias Sociais e Xurídicas e o de Enxeñaría Industrial. Estes graos están destinados a aquel alumnado que querendo cursar unha titulación destas áreas non se decanta por ningunha en concreto. Coa opción do grao aberto poderá realizar materias comúns a varios graos e tomar logo unha decisión sobre a titulación a seguir.


A UDC ofrece sete dobres graos:

  • Bioloxía + Química
  • Administración e Dirección de Empresas + Dereito
  • Turismo + Ciencias Empresariais
  • Español: Estudos Lingüísticos e Literarios + Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios
  • Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios + Español: Estudos Lingüísticos e Literarios
  • Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios + Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios
  • Enxeñaría Mecánica + Enxeñaría Naval e Oceánica

A UDC oferta o próximo curso os novos graos en Intelixencia Artificial, cun itinerario dual

Te puede interesar