A Deputación da Coruña rende homenaxe ao intelectual Francisco Tettamancy

A Deputación da Coruña rende homenaxe ao intelectual Francisco Tettamancy

A Deputación da Coruña homenaxeou este luns ao intelectual e escritor Francisco Tettamancy e iniciou así unha serie de actividades para poñer en valor o seu legado, informa a institución provincial.


“Francisco Tettamancy foi un dos grandes da nosa historia e pensamos que, como tal, ten que ser lembrado” asegurou esta mañá a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, na homenaxe institucional.


A bisneta do protagonista Charo Varela subliñou que para a familia esta homenaxe “ten unha importancia non cuantificable”.


Na súa intervención, destacou que o seu bisavó “percorreu a historia do século XIX do dereito e do revés” e enxalzou “o inmenso amor” que tiña pola Coruña.


A Deputación homenaxea a figura de Francisco Tettamancy Gastón (A Coruña, 1854 -1921) tras cumprirse 175 anos da revolta galeguista de 1846, un dos fitos históricos sobre os que este intelectual, que foi funcionario da institución provincial, ten varios traballos editados.


Na súa produción literaria destacan o poema ‘Abril 1846’ e os libros ‘Os mártires de Carral’ e ‘A revolución galega de 1846’.


Precisamente a deputada María Muíño sinalou que o monumento aos Mártires de Carral fora impulsado por iniciativa da liga Galega, da que formaba parte Francisco Tettamancy, e fixo mención á actual reivindicación para que o monumento, obra do arquitecto Juan Álvarez Mendoza, sexa declarado Ben de Interese Cultural a través dunha iniciativa rexistrada pola deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas.


A Deputación da Coruña rende homenaxe ao intelectual Francisco Tettamancy

Te puede interesar