A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá os actos que o Concello celebrará para conmemorar o Día das Letras Galegas 2025, que este ano está dedicado ás cantareiras e que a Real Academia Galega personificou en sete mulleres: Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García, Prudencia Garrido e Asunción Garrido. Rey estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén participaron no acto artistas e agrupacións culturais coruñesas que participan no programa.
Este ano, o Día das Letras Galegas daralle voz ás cantareiras, “nun recoñecemento da nosa tradición oral como literatura viva e que perdura no tempo, de xeración a xeración, ata o día de hoxe”, apuntou Inés Rey. “Desde o Concello celebramos este recoñecemento a mulleres que durante xeracións foron transmisoras da cultura popular, da lingua e da historia colectiva a través da música. O seu saber non está nos libros, senón na memoria compartida e nas palabras cantadas, o que pon en valor formas de literatura non escrita pero igualmente poderosas”, engadiu a alcaldesa.
Durante o acto, celebrado en María Pita, tamén tomaron a palabra Olga Kirk, de Donaire, en representación das asociacións culturais coruñesas, e Belém Tajes, unha das artistas que participarán nesta edición da Festas das Letras, con actuacións en distintos puntos da cidade.
A alcaldesa, ademais, anunciou un acto de homenaxe ás cantareiras homenaxeadas este ano en María Pita o venres 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas.
“As cantareiras foron, e seguen a ser, verdadeiras embaixadoras da identidade galega. Nun contexto onde moitas veces as mulleres foron invisibilizadas, homenaxealas supón un acto de xustiza e unha forma de recoñecer a súa aportación fundamental á cultura e á defensa da nosa lingua”, sinalou Inés Rey.
No acto estiveron presentes Pablo Díaz, Olga Kirk (Donaire), Isabel García (Aturuxo), Nieves
Mata e Lois Catoira (Cántigas da Terra), Alba Bermúdez (Galeatro), Víctor Ledo (Zavala),
Belém Tajes, Davide Leira (Maghúa), Miguel Ocampo e Bieito Romero (Breo), Ana Moas,
Pablo Agra e Alba Burke (Carabela), Eris Mackenzie, Manuel Viqueira (Espadana), Patricia
Miño (Xacarandaina) e Ana Antonio (Contiños da Feira). O deseño do cartel da programación
do Concello polo Día das Letras Galegas foi obra da artista coruñesa Ana Seoane.
A programación municipal das Letras para este 2025 encherá as rúas da cidade de música e cultura galega durante tres intensas xornadas, do venres 16 ao domingo 18, ás que haberá que engadir o domingo 25, día no que se celebrará unha conversa moi especial arredor das cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025, na Fundación Luís Seoane.
Os xardíns de Méndez Núñez serán o espazo no que as agrupacións culturais coruñesas levarán a cabo foliadas e actuacións. Participarán Cántigas da Terra, Aturuxo, Xacarandaina, Donaire, Maghúa, Son D’Aquí, Espadana e Contiños da Feira o venres ás 22.30 e sábado e domingo ás 17.00. Ademais, sábado e domingo haberá outro escenario no Campo da Leña, polo que pasarán artistas galegos de estilos moi diferentes como Ortiga, Zavala, Ulex, Breo, Carabela, Belém Tajes e Eris Mackenzie.
Durante as tres xornadas distintas prazas da cidade acollerán actuacións singulares e obras teatrais. Haberá actos na praza do Humor, na praza de San Andrés, en Azcárraga, en José Sellier... Tamén haberá pararrúas e concertos de grandes formacións no Teatro Colón como Treixadura, que actuará o día 16 dentro do ciclo Folk no Colón, ou a Banda Municipal de Música, que terá un concerto especial o domingo 18 xunto a Pedro Lamas e Lilaina. Tamén celebrarase unha gala especial polo 70 aniversario de Aturuxo, na que se renderá homenaxe ás Pandereteiras de Mens, o domingo 18 ás 19.00 no Teatro Rosalía de Castro.
A programación municipal complétase con outras actividades e iniciativas como a actuación
de Xosé Lois Romero e Aliboria no AgoraSon, as andainas do ciclo A Coruña das Letras ou os espectáculos para nenos dentro do programa Apego, no Ágora.
“Homenaxear ás cantareiras non é só celebralas, senón tamén recuperar o hábito de escoitar:
ás persoas maiores, ás voces esquecidas, ás músicas que falan dunha terra e dunha maneira
de sentir. É unha oportunidade para aprender, compartir e manter viva a nosa cultura”, sinalou
a alcaldesa.
Desde o Concello este ano ponse o foco nos vínculos das sete mulleres homenaxeadas polo Día das Letras Galegas coa cidade. Todas elas, algún momento vital, amosou o seu talento na Coruña.
No caso de Adolfina Casás e Rosa Casás, as dúas naceron na Vila da Igrexa, en Cerceda. Son tía e sobriña e o seu legado o coñecemos grazas ao labor de Richi Casás, neto de Rosa e sobriño neto de Adolfina, que participará na mesa redonda da Fundación Luís Seoane. Ambas, fillas de solteira, criáronse xuntas e aprenderon a cantar no seo da familia. Viviron en condicións de moita pobreza, pero eran mulleres xenerosas que compartían todo o que tiñan, fortes e creadoras de ledicia, en palabras de Rafael Casás. A súa habilidade para o canto facía que fosen requiridas para cantar nos traballos comunais e nas foliadas, pois eran recoñecidas por estes saberes pola xentes do lugar. Morreron, respectivamente, en Culleredo e na Agra do Orzán, onde Rosa residiu.
Eva Castiñeira naceu no lugar de Agranzón, en Muxía. De ben nova, con só oito anos de idade, xa cantaba nos bailes e romarías con outras dúas pandeireteiras veciñas da bisbarra e mais coa súa irmá Engracia. Coma moitas mulleres do seu tempo, emigrou á Coruña para traballar no servizo doméstico e asentouse no barrio de San Pedro de Visma. Co tempo, marcaría un fito histórico para a música tradicional ao converterse na primeira pandeireteira en colaborar cun grupo folk, actuando con Milladoiro no Pazo dos Deportes de Riazor.
Por último, tamén renderase homenaxe a Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, as Pandeireteiras de Mens, un grupo de labregas da parroquia malpicá que lles deu nome. Cando algunha xa superaba os 80 anos, viaxaron por Europa e América coa súa música formando parte, a partir de 1972, da Agrupación Folclórica Aturuxo. Elas protagonizaron outro deses fitos históricos da cultura galega, ao actuar nun escenario, no do Teatro Colón, en maio de 1972. Tamén acompañaron a un grupo de baile, o de Aturuxo, no Teatro Rosalía de Castro en decembro de 1972.