Antón Reixa | "Maruja Mallo era unha muller absolutamente avanzada na súa obra pictórica"

Antón Reixa inaugurou onte o novo ciclo de conferencias do Museo de Belas Artes adicado á figura de Maruja Mallo. Co leitmotiv do documental que lle adicou hai quince anos, ‘Maruja Mallo: mitade muller, mitade marisco’, o artista vigués viaxou polas lembranzas da creadora vivariense e do seu impacto na súa contorna
Antón Reixa | "Maruja Mallo era unha muller absolutamente avanzada na súa obra pictórica"
Antón Reixa, onte no Museo de Belas Artes | Quintana

Na personalidade de Maruja Mallo, lembra Antón Reixa, había unha “dualidade”. Por unha banda, podíase ver a “contundencia na súa obra pictórica”, mentres que, pola outra, era un exemplo de “muller emancipada e de muller empoderada”, unha muller “que foi moi por diante do que era a sociedade nese momento”.
 

Explica isto o artista galego co gallo do inicio, onte, do ciclo de conferencias ‘Maruja Mallo. De Galicia ás vangardas do século XX’, que se celebra no Museo de Belas Artes até o mes de decembro. Reixa participaba desta nova proposta cun coloquio e presentando de novo ao público o seu documental ‘Maruja Mallo: mitade muller, mitade marisco’. “Eu creo que, con humildade, é unha boa introdución á figura de Maruja Mallo”, comenta cun sorriso.
 

Esa figura contundente de Mallo choca un pouco co seu esquecemento ate o rescate máis actual da súa figura e obra. Aínda que Reixa deixa claro que non estaba minusvalorada no seu tempo, “pero si era uha figura opaca, pese a que ela compartiu vida e experiencias artísticas con figuras como Dalí, Buñuel ou Lorca”. E Reixa ten tamén claro o motivo desa opacidade: “Creo que o feito de ser muller foi a razón”.
 

“O seu carácter rotundo, de muller libre, incluso asustaba aos homes”, comenta entre risos o artista galego, que lembra que a pesares da súa “relación tormentosa” con Rafael Alberti, “case unha traxedia personal”, ela seguiu adiante coa súa vida, “absolutamente libre, sobre todo no que era a relación cos homes”.
 

“Iso é o que foi Maruja Mallo, unha muller absolutamente avanzada na súa obra pictórica e absolutamente avanzada e emancipada na súa vida personal”, comenta Reixa. Entre moitas outras cousas, desa liberdade lembra Reixa algunha das últimas imaxes que se rescataron dela, que se ven no documental, con aquela “maquillaxe totalmente expresionista”


Pero sobre ese esquecemento mencionado previamente, o ponente de onte lembra que, “por moito que nos últimos anos teñamos falado máis de Maruja Mallo, debemos seguir adiante”.

 

Coincidencia

Sobre parte do seu vencello con Galicia, rememora que “deu a casualidade de que a ela lle tocou nacer en Viveiro, mentres o pai, funcionario, estaba alí destinado”. Aínda así, regresaría moitos anos máis tarde, “á parte de Beluso, en Bueu, e fai obras e debuxos moi vinculados ao que é esa parte, á Galicia mariñeira do sur”. 
 

O artista vigués lembra que puido tela coñecido en persona, tamén por virtude da casualidade, pero esa misma casualidade quixo non cruzalos en vida.


“Non a coñecín, porque non coincidiu”, subliña Reixa, antes de contar que Mallo regresou a España na década dos 70 e integrouse “perfectamente no que é a escena artística madrileña da época”. Naquela época chega a coñecer a Andy Warhol nunha galería da capital, un momento do que hai incluso fotos dela co estadounidense. “Ela foi moi seguida por aquel pequeno grupo de artistas provocativos nese Madrid dos anos 70”. “Eu, que vivín moi cerca, puiden ter coincidido con ela, pero non foi o caso, quedoume boa pena”, di cun sorriso. 

Antón Reixa | "Maruja Mallo era unha muller absolutamente avanzada na súa obra pictórica"

Te puede interesar