lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

O Concello estende ata o mes de xuño as visitas nocturnas ao cemiterio de Santo Amaro

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente, levará a cabo entre os meses de febreiro e xuño unha nova quenda de rutas

teatralizadas no cemiterio de Santo Amaro, visitas que se retomaron en novembro do ano  pasado tras estar paralizadas por mor da pandemia e que, na súa volta á actividade,supuxeron un éxito rotundo de asistencia.


Estas visitas nocturnas, que levan celebrándose desde o 2012, buscan ofrecer outra  perspectiva do emblemático cemiterio de Santo Amaro, que neste 2022 cumpre 210 anos.O actor e guía turístico Suso Martínez volverá interpretar a Fiz de Cotovelo, unha ánima en pena, guía da Santa Compaña e personaxe célebre de Wenceslao Fernández Flórez na obra ‘O Bosque Animado’, para amosar aos visitantes a profundidade e os segredos que agocha este espazo tan emblemático da cidade, un dos cemiterios máis antigos de Europa.


O novo calendario de visitas previstas, entre febreiro e xuño (sempre de 21.30 a 23.00
horas), é o seguinte:
● 12 de febreiro.
● 12, 19 e 26 de marzo.
● 2, 9, 23 e 30 de abril.
● 14, 21 e 28 de maio.

● 11 e 25 de xuño


O actor e guía turístico Suso Martínez pon en valor a continuidade das rutas teatralizadas no cemiterio de Santo Amaro, “un lugar cheo de personaxes ilustres que, tamén desde o punto de vista monumental, é un dos máis importantes do continente, ademais da arquitectura histórica representada na Cidade dos Mortos”.


Martínez, que será novamente o mestre de cerimonias para viaxar polos recunchos do cemiterio coruñés, abunda na relevancia da literatura para coñecer a fondo a instalación.


“Esta cuestión é moi relevante, porque hai unha gran homenaxe ás letras de Galicia entre os alí presentes”, estima. Ademais, este ano cúmprese unha efeméride: o 210º aniversario do cemiterio de Santo Amaro, “o que engade máis interese a este itinerario cultural”, pondera Suso Martínez.


A actividade estará limitada a un máximo de 20 persoas por grupo, que deberán inscribirse, achegando os seus datos persoais, a través da plataforma habilitada polo Concello. As visitas nocturnas a Santo Amaro acadaron un notable éxito desde o seu inicio, cubríndose sempre as prazas dispoñibles para coñecer, de noite e cun guía único, un cemiterio cun destacado valor histórico e cultural, único en Galicia e recoñecido internacionalmente. 

O Concello estende ata o mes de xuño as visitas nocturnas ao cemiterio de Santo Amaro

Te puede interesar