As comadres traen de volta a festa dos disfraces e a esperanza dun teatro para María Casares

As comadres durante a súa paarda ante o teatro Colón | Quintana

Se alguén non se percatara aínda, é tempo de Entroido. E os que non o lembraban, tiveron a ocasión de lembralo onte, cando as comadres da cidade trouxeron de volta a festa dos disfraces, con lembranzas especiais para María Casares, para a cal pedían, durante o comezo do seu roteiro, que algún dos teatros poida levar o seu nome.


Xunto á fabrica das “valentes cigarreiras” da Coruña comezaron o roteiro do Xoves de Comadres, nun día no que ataviadas con máscaras de María Casares, honraron o legado da intérprete coruñesa, pasando por espazos ligados á súa figura, como o teatro Colón ou a casa da súa familia, na que viviu os seus primeiro anos de vida María, ao abeiro da figura política que foi seu pai.


Lembraban as comadres, entre canción e canción, como Casares logrou que as voces galegas “soasen na escena internacional”, tras a súa emigración á Francia veciña e o desenvolvemento da súa traxectoria artística aló.


A pesares da súa marcha a unha idade temperá, “xa se labrara en ti o carácter céltico de muller forte, libre 

e valerosa”.


“Ogallá no próximo novembro, a próxima porta que se abra sexa a dun gran teatro da Coruña que leve o teu nome: teatro María Casares”, finalizaban na praza das Cigarreiras as comadres para, entre vítores a María Casares, dar comezo ao roteiro até o centro da cidade, lembrando polo camiño a vida da actriz.


Entre canto e canto, as comadres foron animando aos coruñeses na chegada do Entroido, que nos vindeiros días encherá a cidade de actividades, como o desfile de carruaxes que encherá de cores mañá o centro da urbe.


Nos barrios

Pero as actividades do entroido non son só para o centro da cidade, senón que os barrios tamén preparan actos para estes vindeiros días.


E o caso de Palavea, onde a asociación veciñal “Os nosos lares” comezará hoxe as súas festas ás 17.00 horas cnuha actuación do Mago Pías e continuará, a partires das 18.15 horas, coa animación infantil de Animaciones Caponato.


A xornada finalizará coa actuación do grupo de musicoterapia do barrio, que tódolos venres ensaia no local da asociación e que lidera o antiguo membro da orquesta Los Satélites, Luis Fixoi.


Marineda

Tamén haberá alternativas para este Entroido en espazos coma o centro comercial Marineda City, onde hoxe comezan coa súa programación, cun obradoiro de máscaras creativas que terá lugar no espazo Living Art Studio, entre as 17.00 e as 21.00 horas.


Mañá, tamén dende as 17.00 até as 21.00 horas, e no mesmo lugar, desenvolverase outro obradoiro, este baixo o nome de “Pom Pom Play”. Ambas actividades serán gratuitas.

As comadres traen de volta a festa dos disfraces e a esperanza dun teatro para María Casares

Te puede interesar