‘Aquí tamén se fala’ conquista a praza da Tolerancia coa ledicia de celebrar a nosa lingua

Os concertos de Ulex, Alana, Pava e Ortiga encheron coas súas melodías o lugar no marco do festival divulgativo
‘Aquí tamén se fala’ conquista a praza da Tolerancia coa ledicia de celebrar a nosa lingua
Decenas de persoas disfrutaron hoxe co concerto de Alana | quintana

A praza da Tolerancia foi hoxe escenario dun evento que naceu coma unha reivindicación do idioma galego por parte do IES Rafael Dieste e trocou en festival. A música, o bo ambiente –coa inestimable axuda do sol, que fixo tamén acto de presencia pese ás ameazas de choiva da mañá– e a ledicia das decenas de mozos que pasaron a tarde alí deron ás a un evento que contou coas actuacións musicais de Ortiga, Ulex, Pava e Alana, e que serviu un ano máis como escusa coa que divulgar o amor e o coñecemento do idioma propio entre a xuventude.


Decenas de persoas gozaron así desde primeira hora da tarde coa música en vivo. Os primeiros en atronar a praza co seu son foron os mozos de Ulex. Tan mozos que, como sinalaron, fixeron esta semana as probas da PAU e, para axudar a celebrar –ou olvidar, segundo o resultado– tales tarefas contaxiaron a súa enerxía rock aos presentes.


Colleu o testigo Pava, a banda liderada pola poetisa Lucía Aldao, que presentou o seu terceiro EP a finais do pasado ano. Seguíronos o grupo Alana, formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, e o encargado de pechar a xornada foi o santiagués Ortiga, quen co seu electro folk puxo a toda a praza a bailar e preparou aos presentes para o que se lles aveciña no verán coa chegada das súas queridas e valoradas verbenas.

 

 

Apoio institucional


A Diputación, o Concello e a Xunta apoian a celebración deste festival. Hoxe, de feito, o secretario xeral da Lingua do Goberno galego, Valentín García, e o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, acudiron á praza coruñesa para seren testigos dunha esmorga musical e xuvenil que comezou ás 17.00 horas e non se detivo ata ben entrada a noite.


Castro aproveitou a ocasión para poñer en valor “o poder da música para potenciar o uso do idioma, sobre todo entre os mozos en idade académica”. A iniciativa xurdiu en 2024 no IES Rafael Dieste e mobilizou a máis de 200 centros educativos e 25.000 estudantes de toda Galicia con diferentes actos e actividades, incluida unha xornada final tamén con concertos de artistas emerxentes que apostan polo galego como Grande Amore ou Boyanka Kostova. Tanto nese ano como no presente tratouse dunha festividade gratuita.


Porén, ‘Aquí tamén se fala’ non só son os concertos. Entre as actividades realizadas este curso polo IES Rafael Dieste no marco do festival están as visitas á Radio CUAC FM e ao CEIP Sagrada Familia, as gravacións con artistas como Fillas de Cassandra e incluso a filmación dunha curtametraxe, ‘Non me veredes triste’, que supón unha sentida homenaxe ao escritor que lle dá nome ao centro, Rafael Dieste. 

‘Aquí tamén se fala’ conquista a praza da Tolerancia coa ledicia de celebrar a nosa lingua

Te puede interesar