Da prudencia

|

A vida sucede a pesar de todo, certamente. Pero aínda así, non podemos evitar sentir coma unha certa carga de incerteza e de fastío invade o noso ánimo. As paisaxes da normalidade volveron a tinguirse de grises coas tramas da variante Omicron e das medidas restritivas que cada Comunidade adopta e pon en marcha, ante a escalada poderosa dos contaxios. Non hai conversa que non xire en torno a estas comparativas e as novas da pandemia ocupan titulares e informativos. Volvemos a ser unha sociedade limitada e baixo sospeita. As previsións a corto e medio prazo, están condicionadas e baixo a ameaza poderosa da espada de Damocles. Suspendemos as tradicionais ceas e comidas do Nadal por un amplo sentido de responsabilidade, que instala na maioría a convicción de que toca retirarse prudentemente aos cuarteis de inverno. Sufrimos e acortamos e renunciamos, aplicando a forza da razón, en beneficio da colectividade, pero quedando coa emoción ferida de sabernos reducidos e limitados pola aplicación exemplar dun exercicio proverbial de prudencia que nós mesmos, libre e voluntariamente, aplicamos. E sempre coas dúbidas e as renuncias mentres que outros fan e desfán, ou actúan baixo as premisas dunha realidade diferente. A prudencia sempre foi unha boa conselleira, dicimos resignados mentres observamos dende a distancia, posicionamentos de moi diverso pelaxe e condición. Tamén na política necesitamos prudencia. Algúns falan de máis, tachando de cumio comunista a reunión do Papa con Yolanda Díaz, e outros falan de menos, como o exercicio de silencio culposo de Cospedal ante as preguntas da Comisión da Kitchen, ou de Rajoy na súa relación co comisario Villarejo. A prudencia é a equidistancia xeométrica entre o exceso e a carencia. A vida, aquelo que sucede con sorpresa entre pandemias de intensidades variables.


Temos a emoción decepcionada do que existe –dixo El– a levedade fráxil dun aroma, na intimidade en penumbra do perdido...

Da prudencia