O terceiro grao

A linguaxe, como é ben sabido, adáptase aos tempos, ás circunstancias e ás necesidades de comunicación que teñen os usuarios. Faino rapidamente, como se fose nunha bicicleta correndo sen parar. As persoas que pasan dos sesenta, cando eran mozas coñecían o terceiro grao da enciclopedia. Coñecían o primeiro e o segundo, cos que se iniciaban. Todas as persoas que estudaban estaban acostumadas a cambiar de grao a medida que ían adquirindo máis coñecemento. Enciclopedia de primeiro, de segundo e de terceiro.


A familia de primeiro grao, de segundo e de terceiro; o grao ou o gran de trigo, do centeo ou do millo, da semente para sementar, nacer e despois medrar. O grao na conversa require do contexto ata o punto que tamén se enumeran con el as categorías dos mandos militares, que dende abaixo para arriba son graos de “ordeno e mando”.


De alto grao alcohólico era esa augardente que vén da zona onde o viño é daquela maneira, tróuxoa ese home, primo de terceiro grao desta moza estudante, que xa remata os estudos do grao de xornalismo e que quere incorporarse inmediatamente á profesión, para exercer o periodismo de terceiro grao.


Terceiro grao, interrogatorio policiaco que se exhibe no xornalismo actual, como se fose un exemplo do bo facer e da loita constante pola consecución da verdade, amparada pola solvencia intelectual de quen a pronuncia, sabendo –como saben vostedes– que dicir a verdade é un feito revolucionario, contrario ao sistema social e político establecido.


Nunha ringleira de tres damas, a terceira é a última, se son trescentas, a terceira é unha das tres primeiras. Todo está suxeito ao “depende”, ás circunstancias que o rodean, aos ollos que o miran. Todo é unha parte en si mesma, no medio de outros todos. Para saber cantos son hai que coñecer a regra de Ruffini; coñecemento que axuda a resolver a ecuación de terceiro grao.


En moitos casos o terceiro é o mellor. Os reclusos do cárcere están clasificados cun sistema que permite identificalos en función dos graos, primeiro grao, os que permanecen en réxime cerrado; segundo grao, para aqueles presos comúns, e terceiro grao , para os que poden desfrutar dun certo grao de liberdade, antes da liberdade condicional. Así cómpre andar e avanzar superando graos, na prisión, en primaria, na formación profesional e na universidade, onde agora todo son graos ata o grao de doutor e de “si señor”.

O terceiro grao

Te puede interesar