Portela e Verducido guiarán ás padexeiras españolas

Portela e Verducido guiarán ás padexeiras españolas
Foto de familia nas instalación de Pontillón do Castro / XG

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa participou na presentación do ‘Programa de alto rendemento na modalidade muller kayak’ da Real Federación Española de Piragüismo no Centro David Cal, en Verducido.


Un programa que, dende o 1 de novembro do presente ano ata os Xogos Olímpicos de París 2024 formará e preparará as sete mellores padexeiras nacionais na modalidade de caiac e as que contan con maiores opcións de clasificación olímpica.


Este programa é froito dun convenio asinado entre a Xunta de Galicia e as Federacións Española e Galega. No acto que tivo lugar no salón de actos do complexo náutico de Verducido tamén participaron os presidentes das federacións española e galega, Pedro Pablo Barrios e José Alfredo Bea, as participantes do programa, así como o director técnico do proxecto, o tamén galego Daniel Brage.


Cumpriu a ‘ameaza’

Lete Lasa amosou a súa satisfacción de que Teresa Portela “cumprira a súa ameaza” de prepararse para participar nos seus sétimos Xogos Olímpicos e de que ademais o faga na que é a súa casa desde o ano 2009, o CGTD e o complexo náutico de Verducido. Ademais animou tamén ás demais participantes do programa como son as padexeiras Mirian Vega do Covadonga, Begoña Lazcano do Donostia, Sara Ouzande do Tudense, Laia Pelachs do CN Bañoles, Mirella Vázquez do CD Fresno de la Ribera e a tamén galega, Carolina García do Náutico de Sevilla.


O convenio asinado a tres bandas para o desenvolvemento do Programa ‘Muller Kayak’ establece os compromisos asumidos por cada unha das partes asinantes.


Deste xeito, a Real Federación Española de Piragüismo aporta máis de 105.000 euros e serán seis embarcacións individuais K1, tres embarcacións dobres K2, dúas embarcacións cuádruplas K4, unha furgoneta para o desprazamento de deportistas, un técnico responsable, o servizo de fisioterapia, aloxamento para seis deportistas e a súa manutención durante as fins de semana.


Por parte da Secretaría Xeral para o Deporte, a súa aportación ascende a uns 120.000 euros entre unha embarcación a motor para o seguimento do adestramento, un nutricionista, un psicólogo, un médico especialista en medicina do deporte, manutención durante a semana para seis deportistas, combustible para embarcacións e furgoneta, suplementación e axudas ergoxénicas, test de antíxenos Covid para as deportistas, hangar para as embarcacións, ximnasio, sala de ergómetros, de fisioterapia e de reunións.


Pola súa banda, a Federación Galega de Piragüismo comprométese a poñer a disposición do grupo ‘Muller Kayak’ as instalacións xestionadas pola Fegapi, así como a colaborar cos los medios materiais e técnicos necesarios para o adestramento e competición dos deportistas do grupo de Alto Rendemento. 

Portela e Verducido guiarán ás padexeiras españolas

Te puede interesar