De obrigacións e devocións

|

De todo hai na viña do Señor. O feito de compartir militancia, non implica nin ser idénticos, nin que todo sexa perfecto por definición. En Portugal o choque das esquerdas levará de cabeza a unhas eleccións anticipadas. Sen ir máis lonxe, Ayuso considera irregulares e denuncia as manobras dos dirixentes populares para controlar o PP de Madrid e, obviamente, prexudicala a ela e aos seus intereses. Ou os desencontros entre as dúas partes do Goberno de Sánchez polo control da Reforma Laboral. Todos comparten fondo e filosofía, pero a forma e a maneira de remar para chegar ao porto, ou quizás a xestión da posición na foto final ou a ordenación no escalafón de mando, iso xa é fariña doutro costal. Unha cousa é a devoción que sentimos e que forma parte de ese andamiaxe de afectos que imos construíndo ao longo das emocións e do tempo, e outra a obriga de comungar con rodas de muiño. Estamos feitos de obrigas e de normas de obrigado cumprimento. De principios e finais. Somos membros de protocolos variados que conlevan ordenación, normativa e tratamento. Somo moitas veces reféns de compromisos adquiridos e nadamos nas procelosas augas do que dirán ou do que pensarán os demais, ou de se estaremos á altura do que se agarda de nós. Pero sempre hai illas salvadoras que iluminan a monotonía e a mediocridade. Espazos a salvo das rutinas e onde florece o talento, onde só reza a devoción e o facer as cousas por amor a arte. Pensamos e sentimos por querencia e por necesidade. Somos, dalgunha maneira, a esperanza da terra prometida e as coordenadas que sitúan os portos refuxio imprescindibles. Militamos na devoción, a obrigación nunca foi quen de construír os soños máis perfectos.

Xuntos levantamos a vertical desta estrutura de afectos –dixo El– as luces máis fermosas habitaron sempre nos teus ollos...


De obrigacións e devocións