Europa refrenda a saída socialista da crise

|

A chegada da pandemia foi unha proba de lume para todos os gobernos que tiveron que lidiar con ela. A historia de Europa non é allea á xestión das distintas crises que desde o século XX recalaron no continente. Todas elas teñen un denominador común: chegaron sen manual de instrucións e obrigaron aos distintos gobernos a artellar ferramentas para facerlles fronte.


Da calidade da ferramenta empregada dependía que á saída se chegara con máis ou menos cicatrices. No fondo, os Estados víronse en cada ocasión ante a necesidade de escoller a forma de amortiguar o impacto: descansando o peso sobre os ombros dos cidadáns ou sobre un plan de políticas económicas de corte social que, dentro da súa complexidade, permitiran minorar o dano.


A xestión da pandemia é un bo exemplo das respostas que ofrecen uns e outros executivos. Pedro Sánchez apostou porque foran as Administracións, e non os cidadáns, as que acusaran o golpe. Sen esa actuación, a situación en España sería hoxe ben distinta. Baste recordar o modo no que o último Goberno de Mariano Rajoy afrontou a crise do 2008, unha crise que barreu a estrutura social do país deixando no camiño a demasiadas persoas.


Non hai respostas perfectas ante sucesos da magnitude dunha pandemia, pero si as hai mellores e peores. Os socialistas fomos quen de atopar unha saída que impedira o afundimento de amplos sectores da sociedade. Os procesos electorais que se están a desenvolver en distintos países refrendan o traballo feito. O socialismo de Antonio Costa en Portugal vén de obter un amplo respaldo cidadá nas municipais lusas, e os alemáns acaban de dar o seu apoio ao proxecto da socialdemocracia no seu país, de novo a forza máis votada nas lexislativas do pasado domingo. Este mesmo mes os socialdemócratas gañaron tamén as eleccións en Noruega tras oito anos de goberno conservador.


Mesmo nun panorama político tan complexo como o actual, os cidadáns están a recoñecer cos seus votos as políticas que defenden os partidos da órbita socialista, unhas políticas que permitiron a moitos europeos capear unha crise sanitaria e mundial sen precedentes con maior éxito que coas fórmulas empregadas noutras latitudes.


Seguramente a Covid-19 supuxo e supón o maior reto en décadas para calquera sociedade. O seu impacto nas persoas é innegable e brutal, tanto pola perda de vidas humanas como polos efectos sociais e económicos.


Mais non é o mesmo facerlle fronte de perfil desde o conservadurismo liberal que de fronte abrindo o paraugas das políticas sociais e progresistas que defende o socialismo. Por iso, e non por outro motivo, o socialismo está hoxe máis vivo que nunca en Europa, e por iso segue a ser tamén máis necesario que nunca.

Europa refrenda a saída socialista da crise