De males e perigos

|

Hai males que asoman por sorpresa e poñen en evidencia a vulnerabilidade da humanidade no seu conxunto. Chegan inesperadamente e causan mortalidades dramáticas, que sumen ás sociedades nese caos que só aflora nos peores pesadelos. Pero a pesar da dureza do seu impacto, como a pandemia do Covid que aínda estamos a vivir, non deixan de ser episódicos e a ciencia acaba por impor a súa lei mediante a aplicación de vacinas e protocolos sanitarios. Funcionan como curas de humildade e acaban por lembrarnos que, a pesar dos innumerables avances en ciencia e tecnoloxía, somos sociedade que temos os pes de barro e polo tanto, unha evidente fraxilidade que non debemos obviar. Pero hai outros males que teñen orixes máis escuros, e planificacións interesadas que encerran perigos evidentes. Son os que derivan da exaltación das diferencias e da imposición de modelos que fomentan o odio, baseados no rancor e que perseguen a superioridade duns e o desprezo dos outros. Son males que teñen o veleno da autoconvicción de pseudosuperioridades físicas, intelectuais, étnicas, morais ou sexuais. Son males abonados por organizacións políticas e liñas de pensamento que non respectan os dereitos de todxs. Que teñen coma caldo de cultivo a violencia e o abuso da forza, e sempre dende unha falsa óptica de seres en posesión da verdade absoluta, coma se estiveran tocados pola variña máxica de algúns dos deuses maiores ou menores. Teñen o perigo da cegueira intelectual. Foxen da dúbida metódica e teñen o fanatismo dos seareiros convictos e confesos, que manipulan a realidade para que encaixe no deles. Atacan á Historia, insultan aos diferentes e perseguen aos que teñen outros modelos vitais e afectivos. Nunca fomentarán a tolerancia nin a concordia, non está nin na súa identidade nin no seu adn.


Existes na intimidade do sentido –dixo El– no silencio balsámico da luz que adormece nos meus ollos...

De males e perigos