Non hai xustiza sen política fiscal

Entre os sinais de identidade dun goberno progresista figura, e nun lugar destacado, a política fiscal. A busca dunha redistribución máis xusta das cargas tributarias forma parte do ADN do executivo de Inés Rey. Sen política fiscal, non hai ningunha outra política, porque os recursos precisos para poder actuar sobre un territorio, para ofrecer mellores servizos e mellores infraestruturas, proceden precisamente de aí.

Mais non resulta indiferente o xeito no que os gobernos acadan ditos recursos. O Goberno da Coruña vén de iniciar os trámites para a aprobación dunha nova ordenanza que gravará ás empresas de telefonía móbil que empregan o espazo público da cidade. Dita ordenanza, froito tamén do diálogo coa Marea Atlántica, enmárcase de cheo nesa política de xustiza fiscal. Por unha banda porque o sector da telefonía equipárase con outros sectores que xa eran contribuíntes, e por outra banda porque permite a obtención de máis recursos públicos sen gravar máis aos que menos teñen.

Ese camiño non é novo nas políticas da alcaldesa da Coruña. Desde o 2020 as rendas máis baixas gozan xa de importantes beneficios no pago de plusvalías por herdanza da vivenda habitual.

Ademais, todos os sectores afectados pola pandemia viron reducida temporalmente a súa carga tributaria: tanto o comercio como a hostalaría benefícianse na Coruña de bonificacións no pago da auga, das terrazas, do lixo e das taxas de sumidoiros. Todo isto pode facerse se un Goberno é capaz de atopar novos recursos, e as taxas polo emprego do espazo público por parte das empresas de telefonía móbil son un bo exemplo de como obter eses recursos.

O Concello da Coruña ingresará 1,5 millóns de euros anuais grazas á nova ordenanza, fondos que permitirán afrontar novas melloras nunha cidade que está a crecer en servizos e que está a ensanchar o seu escudo social. Un bo exemplo son as becas comedor: nunca na Coruña se concederan tantas axudas como este ano, case 2.500. Os recursos non son infinitos e a obriga dos gobernos é administralos baixo as premisas da eficiencia e da xustiza social. Hoxe a banca contribúe máis (coa taxa de caixeiros automáticos na vía pública), hoxe os salóns de xogo contribúen máis (coa modificación das licenzas de apertura) e desde hoxe as empresas de telefonía contribuirán máis.

É de xustiza que quen máis ten, máis aporte. Só así poderemos construír unha sociedade máis equitativa, unha sociedade na que desde o público poidamos contribuír a limar as diferenzas sociais. Unha sociedade na que teñan oportunidades aqueles non as tiñan. Nesa liña seguirá a actuar este goberno municipal, fiel aos seus principios e aos valores que representa. Ao final, un dos obxectivos da acción de goberno é acadar un mundo máis xusto. Para iso serve a política. A nosa política.

Non hai xustiza sen política fiscal

Te puede interesar