Galicia, de novo á vangarda

A competición desenvolverase ata o domingo | xg
|

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron onte na presentación do Campionato de España de Surfing 2021 que terá lugar ata o domingo na praia da Frouxeira, en Valdoviño.

Este é o segundo ano consecutivo no que Valdoviño acolle o Campionato de España que rematará a fin de semana que vén co Campionato de España por comunidades autónomas do que Galicia foi primeira en 2018 e 2019.

O mandatario galego destacou a importancia de Galicia como capital nacional e mesmo internacional do surf, subliñando que tanto a federación galega, a federación española e a delegación nacional da World Surf League teñen as súas sedes en Galicia.

Do mesmo xeito tamén resaltou a importancia dos principais eventos de surf que se celebran en Galicia como o Pantín Classic, o Junior Qualifying Series 1.000 Gadis Pro Ferrol ou o propio Campionato de España de Surfing.

Ademais, Lete Lasa puxo o acento nos deporistas galegos de surf que levan acadando grandes resultados nos últimos anos. Neste sentido apuntou cara os nomes de pioneiros como Gony Zubizarreta ou Vicente Romero e tamén a outros que seguen o seu camiño como Esperanza Barreras, bicampioa mundial de SUP e que está piques de conseguir o cetro europeo da especialidade.

Por último, o secretario xeral informou que o esforzo das institucións e federacións debe orientarse cara a tecnificación deste deporte en Galicia para acadar representación olímpica para os vindeiros Xogos que terán en lugar en París no ano 2024.

En concreto, a subdelegada do Gobierno en A Coruña, María Rivas, mostrou o apoio do Executivo central á creación dun centro de alto rendemento vencellado co surf en Valdoviño, un proxecto que apoian este concello e a Federación Española de Surfing.



Promoción


Pola súa parte, a directora de Turismo da comunidade autónoma, Nava Castro, referiuse ao labor que ven desenvolvendo desde hai anos a Xunta a prol da consolidación de Galicia coma destino turístico no eido do surf, tanto na identificación e promoción dos lugares máis idóneos para a súa práctica, “como no apoio á creación de infraestruturas e á organización de acontecementos que nos prestixien nos ámbitos nacional e internacional”.

Así, destacou a iniciativa Galicia surfing, unha oferta de turismo activo e sustentable para os 1.500 quilómetros da costa galega posto en marcha hai uns anos que xa se constituiu coma o primeiro produto turístico relacionado co surf en todo o territorio galego, dispoñible os 365 días do ano e adaptado a todos os niveis e perfís de surfistas, e a colaboración desde o Goberno galego coa celebración da proba Abanca Pantin Classic Galicia Pro, que ano tras ano logra focalizar cara a Galicia a atención dos surfistas de todo o mundo. 


Galicia, de novo á vangarda