Estos son o gañador e os dous finalistas do “I Concurso Microrrelato Homenaxe ás Letras Galegas”

Estos son o gañador e os dous finalistas do “I Concurso Microrrelato Homenaxe ás Letras Galegas”
I Concurso Microrrelato Homenaxe ás Letras Galegas

Tanto os finalistas como o gañador, elixidos por membros do Ideal Gallego e Editorial Lautana, poderán ver os seus relatos publicados na edición impresa do xornal, o próximo 17 de maio.


Máis de 55 participantes formaron parte desta primeira convocatoria, subindo o seu microrrelato a través do noso xornal dixital, entre o 3 e o 13 de maio.


Membros do equipo de Editorial A Capital, en colaboración con Editorial Lautana, elixiron un relato gañador e dous semifinalistas. Para a elección, valorouse non só a temática proposta “As nosas tradicións”, senón tamén a creatividade e orixinalidade dos textos recibidos. Non foi fácil a elección, pois todos gozaron dunha gran calidade.


Os tres elixidos poderán ver o seu microrrelato publicado na versión impresa do Ideal Gallego o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas.


Ademais, o gañador levará un Ebook e un libro (versión Kindle) de Xela Arias (homenaxeada deste ano das Letras Galegas).


Microrrelato Ganador.

Raquel

“Cando abriu os ollos a voz da mamá era en imperativo estridente, non ese —Xela, Xeliña, esperta meu ben. A casa era unha festa. Xa chegaran os tíos de Moimenta con Eladio, o matador, un veciño con ínfulas de artista. E mentres o animal chiaba na corte –nin que ventara–, a nena apertaba o peito contra as sabas sentindo o recordo desa pel morna e rosácea dun leitón xoguetón que se tomba patas para arriba con ela onde a herba mala, fregándose o fuciño mentres ela acaríñao coas orellas veludas levantadas polas que agora mesmo préndeno para a fatal coitelada”.


Primer Finalista.

Maríasuagon

“Na noite do lume, renacen as forzas da luz. Na noite da auga, reviven as fontes santas, as nove ondas fecundas e o orballo que nutre a menciña das prantas. Mamá fixo o cacho coa auga de sete fontes e sete herbas, moitas máis de sete bágoas caeron na almofía antes de sacala ao balcón bendicir a mestura milenaria coa humedade da noite. Á mañanciña, de xeonllos, mamá xuntou un ramiño coas herbas e mirouse na auga. Chorou. Párteme vela así. Eu quixen imitala mais non vin o meu reflexo. O ramiño secou ao sol que quenta a miña lápida”.


Segundo Finalista.

Salvajeygritte

“Sempre me gustaron as filloas. Lembro á miña avoa facelas no entroido á vez que cantaba, gustábame moito mirala e aprender a facelas tal e coma ela as facía. Agora que ela xa non está, son eu quen fai as filloas. É un acto involuntario, pura inercia: sei que cando é entroido teño que facer filloas á vez que canto. Non sei se é a tradición que ela mesma me ensinou ou se simplemente é o meu sentimento de amor pola miña avoa que transmito cociñando e saboreando as súas filloas”.

Estos son o gañador e os dous finalistas do “I Concurso Microrrelato Homenaxe ás Letras Galegas”

Te puede interesar