Juan Galán: “Neste contexto de auxe do fascismo cómpre facer pedagoxía e pór en valor a memoria republicana”

A editorial Letrame publica o primeiro libro de Galán | d. alexandre
|

“Romanza de los naranjos en flor” é a ópera prima de Juan Galán –A Coruña, 1961–, unha novela histórica ambientada na Guerra Civil e a represión posterior que cruza as traxectorias dos seus dous protagonistas, Alfonso Castro, un falanxista que traballa de inspector de campos de concentración, e o preso anarquista Miguel Artimes. Hoxe ás 19.00 horas preséntase no Ateneo ferrolán.


Cando decidiu escribir a novela?

Durante moitos anos fun profesor, pero sempre quixen ser escritor. En 2019 estiven de baixa e, como fago investigación de memoria histórica, tiven tempo para ler e documentarme sobre aspectos que descoñecía, como que houbera tantos campos de concentración en Galicia. Entón ideei unha historia que acontecera nun deles, o de Oia. Non é unha novela de guerra, senón da represión franquista sobre os republicanos, a través das vidas paralelas de Alfonso, falanxista, e de Miguel, anarquista. Os dous van contando a súa vida e nun momento dado coñécense no campo de concentración.


É aí cando Alfonso Castro renuncia aos seus ideais?

Realmente a súa transformación dáse antes mesmo de coñecer a Miguel en Oia. O falanxista ten o cargo de inspector de campos de concentración de prisioneiros e vai alí para facer unha investigación que ten que ver con Miguel, pero xa antes comezara a cambiar. Alfonso é fillo dun republicano ferrolán, secretario do xulgado da Coruña, despedido do seu traballo e preso no cárcere da Torre de Hércules. É falanxista, pero non lle gusta o que ve, e aí o dilema de ser fiel ao compromiso co seu partido ou o deber filial porque, aínda que o seu pai ten ideas distintas, é unha persoa honrada e inocente que está no cárcere e é posible que o fusilen. Logo hai outras situacións que fan que se plantexe se realmente está no lado bo ata que se converte nun desafecto do réxime, como aconteceu con personaxes como Dionisio Ridruejo.


Fala do pouco coñecidos que son os campos de concentración...

Moita xente descoñece esa parte. Aquí sabemos que existiu un en Cedeira, pero aí están os de Oia, Camposancos –que foi o máis letal porque se facían consellos de guerra sumarísimos–, Rianxo, Noia, Padrón, A Pobra do Caramiñal... Eu mesmo non podía imaxinar que houbera tantos. As lecturas abríronme os ollos a esa realidade.


Canto tempo lle dedicou á investigación para armar a novela?

Ao labor de documentación dediqueille máis dun ano. Investigaba mentres escribía porque son moi esixente e quería corroborar moitos dos aspectos que trato na novela. Esta é unha obra de ficción, pero nela hai unha gran base documental, e así o fago saber nas notas de autor do final do libro: eu quero ser honesto e separar o que é ficción do que é documentación histórica.


Por que cre que segue a ser tan necesaria a literatura sobre a Guerra Civil e a represión?

Éo desde o momento no que aínda están os corpos nas cunetas e nas fosas comúns, que se intenta branquear a ditadura e colocar nunha balanza equidistante o que fixo un bando e o que fixo o outro. Creo que temos que seguir pondo en valor o que se chama memoria republicana e facer moita pedagoxía sobre o que supuxo a II República, porque foi a primeira experiencia democrática, e tamén sobre o que pasou despois, case un xenocidio. Benvidos sexan os libros sobre isto.

Juan Galán: “Neste contexto de auxe do fascismo cómpre facer pedagoxía e pór en valor a memoria republicana”