Núñez Feijóo vs Fernando Blanco

|

No debate parlamentario do mércores 24-M Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) preguntáronlle ao presidente Núñez Feijóo polos 2M€ de cartos negros á Caixa B do PP presuntamente fornecidos polo PPdeG, segundo a declaración testemuñal do antigo xerente do PP, Luis Bárcenas. O noso Presidente, revalidando outravolta o seu recoñecido liderado nos deportes de lle botar a culpa aos demáis e de lle facer oposición á oposición rexeitou respostar aos devanditos inquéritos e, no caso do BNG, respostou dicindo que de catro conselleiros nacionalistas no goberno de coalición 2005-2009 o 25% (é dicir, o conselleiro Fernando Blanco) foi imputado xudicialmente, polo que seica o BNG habería ficar caladiño nos asuntos da corrupción.


Fernando Blanco foi imputado polo Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo en abril 2012 e foi liberado da devandita cualidade (agora investigado) no outono de 2018. Dende primeiros de 2014 ficou evidente que non había causa ningunha para manter as pescudas penais, polo que a súa defensa ( partillada polos Despachos do prestixioso avogado galego Evaristo Nogueira e de quen asina ) pediu o sobreseimento da causa. A xuiza De Lara, instrutora da pescuda penal, adiou estes pedimentos e botou mán de subterfuxios ilegais para non pechar o proceso até o 2018, rematando por desestimar os nosos pedimentos en xuño dese ano, abrindo por primeira vez dende 2014 a porta para que a Audiencia, estimando o noso recurso, arquivase a investigación en outubro de 2018.


Núñez Feijóo coñecía todo isto e soubo, ademáis, que a xuiza Pilar de Lara foi sancionada con sete meses de suspensión polos ilegais atrasos deste procedemento, entre outros. Velaí que, naquel outono, chamase ao conselleiro Fernando Blanco e lle parabenizase pola boa, malia que adiada, resolución do caso. É nidio que ningún Presidente de ningún país europeo parabeniza a ninguén que sae con bo suceso dunha investigación criminal se non acredita na súa inocencia e no acerto dunha tal decisión xudicial.

Poucos dúas antes do 24-M o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) emitiu o informe preceptivo que a lei lle encarga para determinar se Fernando Blanco ten de ser indemnizado polo Estado polo anormal funcionamento da Administración de Xustiza e respostou afirmativamente, considerando que existiron atrasos gravísimos que dilataron moitos anos a única decisión posíbel dende moi axiña para pechar o procedemento: o seu sobreseimento. Os avogados e xuristas sabemos da dificultade dun tal informe, mesmo no caso de demoradas investigaciñons penais e mesmo periodos de sofrimento de medidas cautelares de cárcere preventivo. É moi difícil que o CXPX diga que ninguén ha ser indemnizado por sofrir a pena de banco. Mais fíxoo xa no caso de Fernando Blanco.


Velaí que a resposta na sé parlamentaria de Feijóo o 24-M sexa mesquiña e indigna da persoa que exerce a Presidencia deste País. 

Núñez Feijóo vs Fernando Blanco