En lembranza de Elena Colmeiro

|

O pasado 25 de febreiro producíuse o pasamento da grande artista Elena Colmeiro (Silleda, 1932), filla do pintor Manuel Colmeiro, que elevou a cerámica a categoría escultórica. A Academia de Belas Artes quixo renderlle merecida homenaxe nun acto realizado este martes, no que Soledad Penalta salientou a súa libertade expresiva e o seu carácter de pioneira da cerámica de autor. Rosario Sarmiento, que recentemente foi comisaria da mostra “ELENA COLMEIRO 1858-1916”, impartiu unha documentada conferencia sobre a súa longa traxectoria, na que nos descubríu aspectos inéditos da súa persoalidade e do seu quefacer. Con nove anos (1941) terá que emigrar ca súa familia a Bós Aires,cidade que, por entón, era un fervedeiro de vida intelectual e artística. Entre 1948-1953 formarase na Escola Nacional de Cerámica desta cidade e xa durante estes estudos agromará nela a rebeldía contra das normas do oficio e sentirá a necesidade de rachar cos moldes de academia, para ter o dereito a equivocarse, pois os supostos erros son a miúdo manantío de grandes e secretos achádegos Unha destas decisivas epifanías producíuse cando se enfrentou coas enormes dificultades que supón erguer unha peza de barro no torno e o mestre cortáballe o cacharro cun aramio para que vise as irregularidades do seu interior. Así descubríu con ledicia a singularidade e a beleza que teñen as diferentes texturas. raias, sucos, estrías, pegadas..., co que, ao aplicalo aos súas obras de xeito buscado, entroncaría coas tendencias do expresionismo matérico e mesmo do art brut; pero ousamos aventurar que, aínda máis, saíalle esa vea telúrico-galaica coa memoria das erosións deixadas pola auga e o vento nas nosas penas e cantís e tamén quizais dos grafismos dos petroglifos. En resumo, a eterna e dramática loita da natureza entre vida e morte, entre o crecemento que da orixe ás formas e a súa inevitable destrucción é totalmente sentido por ela e así usará moitas veces a radial para cortar pezas en anacos e logo recompolas ao xeito do arqueólogo, utilizará materiais de refugallo ou amoreará pezas en principio utilitarias para crear fantásticas esculturas que parecen facer difíceis equilibrios no ar. O uso de materiais refractarios e de óxidos que proporcionan cores terrosas contribuirá a darlle a moitas das súas obras valores tactiles e visuais de inusual beleza. Tamén de destacar é o movemento ondexante e circular, espiraloide as veces, que teñen as súas esculturas, o que nos levaría de novo a esa raíz de noso que tanto ten que ver cos ritmos xiratorios; pero tamén hai pezas de alineamentos rectilíneos que lembran monolitos e menhires. Os pulos incansabeis da fervedoira nai terra, eterna criadora, e dos catro elementos (como sinalou Felipe Senén)-síntense latexar de maneira poderosa en toda a obra de E. Colmeiro, cuxa escultura da autopista Coruña-Santiago, cunca aberta a todos os ventos, deixa testemuña do eterno viaxar que é a vida. Agora tamén ela vai de viaxe nos seus rachados cacifos, cara os aléns ensoñados.

En lembranza de Elena Colmeiro