Valorizar os servizos públicos

|

Aniversario, primeiro e singular, do confinamento xeral causado pola pandemia sanitaria dos contaxios da Covid-19, xusto cando así foi declarada pola Organización Mundial da Saúde aínda que o futuro dirá se o virus causante andaba moito antes xa polas xeografías do mundo e non só pola chinesa que, polo de agora, asume a responsabilidade iniciática. Desde aquela, no ano pasado acrecentáronse as fortalezas e as debilidades da sociedade na que vivimos, especialmente neste ámbito territorial do occidente economicamente dominante. No espazo máis limitado do Estado español e da Comunidade galega, púxose ao descuberto a fraxilidade dos servizos públicos universais e dos sistemas de saúde e, con crueza innegábel, a total ausencia de capacidade á hora de responder a tal convulsión, fundamentalmente provocada pola diminución drástica dos cadros de persoal e das privatizacións que se foron estendendo a partir da crise precedente, nacida da economía especulativa e dos mercados financeiros irresponsábeis. Non hai dúbida de que os servizos públicos, especialmente os sistemas de saúde, os servizos sociais e as residencias de maiores víronse completamente desbordados cando golpeou a primeira onda; e aínda continuaron a soportalo nas seguintes. A traxedia máis fonda é que non sorprende. Organizacións de todo tipo, levan loitando tempo e tempo na demanda de dotar de máis recursos humanos, tecnolóxicos e de achegas económicas, moito antes de que estoupase a pandemia.

Botando unha ollada ao pasado, agora sabemos que aínda que a asistencia sanitaria e social é de interese prioritario, non podemos esquecer outros servizos públicos que tamén estiveron na primeira liña de fonte da crise. Desde os sectores de residuos, auga e enerxía, xustiza, medio ambiente, ata a seguridade e protección social, os servizos de emprego, así como o resto das e dos traballadores do sector público, e loxicamente tamén do ámbito privado, demandados pola sociedade e para a xestión das consecuencia socioeconómicas derivadas das medidas do confinamento. O seu papel será máis crucial axiña nos recuperemos da crise económica.

Por iso, o sector público ten unha función estratéxica para que as sociedades sexan máis resistentes, desde a economía circular ata os sistemas de transporte verdes e infraestruturas limpas, as políticas de coidados ou facilitar o acceso aos medios dixitais en igualdade. Os fondos de recuperación europeos deberíanse utilizar para este fin, evitando o perigo de repetir erros de privatización e fórmulas de colaboración entre o público e o privado. É hora de mudar o planeta.

Valorizar os servizos públicos