Recordar é saúde

|

Ela é Nieves Neira Roca, unha colega xornalista, que anda neste mundo das novas, no da literatura, da arte e da montaña. No mundo desas montañas de Galicia que gardan verdadeiros tesouros enterrados na terra, na memoria e nas propias entrañas. Recita versos, escribe e relata historias que forman arte e son parte da historia nosa, desta Galicia que se estendeu cos seu lares polas serras, montañas e vales desta minúscula nación de entre mares.


En marzo de 2019, publica no xornal unha reportaxe sobre unha súa tía avoa, Maruja Roca, a retratista que foi testemuña de que as mulleres podían e debían vivir nun mundo de respecto á igualdade entre homes e mulleres, sen esperar moito tempo, sen dubidar de que os valores da humanidade teñen que estar repartidos en por igual. Da mesma forma que deben estar repartidos equitativamente, o traballo e as ganancias.


Maruja Roca Calvo naceu a principios da segunda década do século pasado. Era filla de Antonio e Manuela e –segundo conta a xornalista– “aló polos anos 40 foi casar a Becerreá”, e dende entón viviu nunha “casa de moito nome e renome” sen cartos.


Ela tiña unha máquina de fotos, aprendeu a revelar e fíxose fotógrafa para retratar a realidade da montaña, para facerlles fotos aos xateiros ou becerreiros, aos máis pobres e aos máis ricos do lugar e dos visitantes que non perdían día de feira. O 3 e o 19 de cada mes congregábase na vila unha multitude de xente procedente dos concellos da montaña, incluídos moitos de León e de Asturias.


Era a feira, como tódalas de Galicia, un lugar de encontro, de transacción e de múltiples e diversas operacións de cambio. Incluso de intercambio, de contraste de pareceres; un foro para o debate, para falar, para agradecer ou convidar e, tamén, para mocear, daquela, nos anos corenta e cincuenta do século vinte, cando os lugares da Galicia interior tiñan os censos de poboación sen espazo e as casas abarrotadas de xente disposta para emigrar.


Agora, neste inverno, que está a punto de rematar, aCentral Folque publica o libro “O feitizo de Maruja Roca”, de Nieves Neira Roca e Eutropio Rodríguez (editor) e así queda constancia, como indica CulturaGalega.gal, de que “a descuberta do traballo desta fotógrafa de Becerreá revolve a historia da fotografía galega”. Recordar estas cousas é saúde. 

Recordar é saúde