As mudanzas do mundo rural

Dous puntos de luz veñen poñer foco sobre a realidade do medio rural galego, demandando para el un futuro acorde a súa importancia económica, ambiental e social. Dunha banda, a celebración do CultRural que fará de Compostela “capital da cultura rural” para poñer en valor un festival internacional de cine, relacionado con este ámbito, e outras diversas actividades que inclúen un encontro de debate e reflexión. Neste marco debe inserirse a última publicación do Foro Económico de Galicia, “Unha estratexia para a Galicia rural do século XXI”, un rigoroso estudio de dous prestixioso profesores da universidade galega co diagnóstico e propostas para este debate.
Os seus autores, Edelmiro López e Mar Pérez, partiron dun encontro académico, cunha análise arredor duns documentos titulados dun xeito semellante ao reflectido no que vén de editar o Foro, celebrado o pasado ano nunha xuntanza en Ribadavia, Casal de Armán, para avaliar “as transformacións que experimentou a economía e a sociedade galega desde mediados do século XX” polas que se orixinou un forte declive das áreas rurais, paralelo á concentración da poboación e a actividade económica nas zonas urbanas, especialmente do Eixo Atlántico. Esta perda de peso acompañouse de profundas mudanzas das áreas rurais, tanto na estrutura demográfica como na base económica e na xestión do territorio. A diminución progresiva de habitantes e número de explotacións activas fai que hoxe en día o espazo territorial considerado rural represente o oitenta por cento do total galego, no entanto a poboación apenas é da cuarta parte.
Os datos estatísticos da radiografía económica amosan un panorama de escaso optimismo: A máis grande parte das consideradas explotacións agrarias, ocupando apenas cincuenta mil traballadores, teñen rendementos que poñen en risco a súa viabilidade. Son moi poucas as que teñen volume de ingresos acordes a unha empresa rendíbel. Por iso, o avellentamento é típico do seu modelo demográfico e síntoma da grave perspectiva que agarda para o seu porvir.
Porén, outro futuro é posible en base a unhas políticas que permitan “ofrecer á poboación rural unhas oportunidades laborais, niveis de renda e acceso aos servizos equiparables aos urbanos”, xusta igualdade de trato, que vai parella á necesaria reforma agraria que facilite o uso produtivo de terras, revisión do modelo de concellos e comarcas e potenciación “dunha rede de transporte público que facilite a mobilidade da xente”. Mudar o declive incesante por futuro esperanzador.

As mudanzas do mundo rural

Te puede interesar