Benito Hermida

|

Acaba de chegarme a noticia da morte de Benito Hermida, señor do pazo de Andeade, nas ribeiras do Ulla e na terra de Touro. O pazo vístese de loito coma nos vellos tempos para despedir ao señor. Poucos pero ben seleccionados libros compoñían a súa biblioteca, pero destacaba o extraordinario arquivo sen o que non se pode coñecer a historia de Galicia e no que pasaba moitas horas.
Nos vellos tempos o pazo de Andeade foi a sede tanto de carlistas como de liberais. Todos comían do mesmo pote: un membro da familia, Xosé Verea y Aguiar foi condenado a morte tanto polos liberais como polos carlistas, exiliándose por iso a Portugal. A Verea y Aguiar lle corresponde a gloria de publicar a primeira historia de Galicia no ano 1838.
Benito Hermida facía xa tempo que renunciara a gloria da fidalguía e ao sangue nobre, aínda que mantivo sempre aqueles principios e virtudes que foron patrimonio dos Hermida.
Que a terra do camposanto de Andeade o acolla para sempre.

 

 

Benito Hermida