Contra a lei da selva

Os últimos dados do INE en relación aos salarios confirman o que todo o mundo xa sabía. Que os ingresos laborais están baixando, mentres que a xornada de traballo medra. E este aumento da produción, a conta do esforzo da clase traballadora, evidencia, malia que a enquisa non o reflicte, o crecemento do ritmo do traballo e o maior número de horas extras que se realizan. Por estas últimas en poucos casos se paga e, polo tanto, tampouco se cotiza. Unha fraude, que aumenta os lucros da patronal a costa do sacrificio dos empregados e empregadas, afectando salarios, servizos públicos e futuras pensións. Isto acontece porque falta control do Goberno sobre o cumprimento da lei e dos convenios en vigor. Por falta de medios?... Porque hai un tratamento neglixente cando se trata de cuestións que afectan aos máis débiles?...
Un contexto no que, coa supresión da ultraactividade nos convenios colectivos, aléntase ao máximo a lei do máis forte. Daquela que haxa empresas que aproveiten a correlación de forzas actual e a lexislación para converter estes marcos laborais impostos en norma legalizada cando se renovan os convenios. De conseguilo, as demais farán o propio, xeneralizando deste xeito o recuar nas relacións laborais, deixándoas nunha situación semellante á existente no limiar do século XX. Esta ofensiva para recortar salarios e condicións laborais, ademais do sector privado, atinxe todo o sector público, que debera ser garante dunhas condicións de traballo dignas. Faise co argumento da crise e da necesidade de aforro, mais non se deixan de recortar dereitos mentres que se subvenciona a man chea o sector financeiro, e se rebaixan impostos a grandes empresas e fortunas.  
Diante dunha agresión tan forte é razoábel que a clase traballadora responda con folgas e mobilizacións, para frear medidas que a colocan no límite da supervivencia e sen medios de defensa. Este é o caso de Albada, e doutros convenios en negociación. O Goberno non pode lexislar a prol da patronal, e despois ignorar os conflitos e condenar a protesta. A menos que aposte por un sistema oligárquico.

Contra a lei da selva

Te puede interesar