MANUEL COLMEIRO

|

O Museo de Belas Artes da Coruña recolle unha ampla mostra do pintor de Silleda, Manuel Colmeiro ( 1901- 1999) que é considerado unha das figuras importantes do renacer estético de Galicia, a principios do século XX, xunto con Maside, Souto, Laxeiro ou Manuel Torres. Foron chamados os Renovadores ou Novos e coinciden cos propósitos das vangardas históricas, pero sin perder de vista a temática galega. De feito, a obra de Colmeiro predica casi absolutamente da Galicia rural e das súas tradicións, dos seus traballos e costumes, ainda que levándoos a unha estilización formal e simbólica.
Esto queda patente, sobre todo, no tratamento do universo femenino que é unha das principais fontes da súa inspiración, por non decir a máis importante, dado que muller e natureza, muller e terra comparten a mesma idea de dadoras de vida, de deusas da fecundidade. Hai na súa visión do universo galaico, motivo que non abandonou xamais, nin nos anos de Bós Aires, nin nos de Paris, moito máis que un desexo de cantar ás xentes e feitos da súa terra ( que tamén), senon un sentir telúrico, case sacral que ven de antigo enraizado no noso ser e que se asocia cos ritmos astrais e con crenzas antiquísimas de antigas divinidades agrarias.
Colmeiro olla todo ese mundo, pagano e animista con fondo respeto, co mesmo respeto que reclamaba Maside para o hieratismo románico co que as nosas xentes afrontaban as cousas da vida e podía facelo porque participaba, no cerne de seu ser, do mesmo sentimento. Alén de ser un bó pintor, hai que salientar esa autenticidade do sentir que, certamente, non se improvisa.
Colmeiro non pinta tipos, pinta sentimentos, pinta arquetipos e faino recollendo un mundo que probablemente presentía que estaba a desaparecer; de feito, o rural de hoxe está ben lonxe dese humilde , pero exuberante fasto que representan as súas panadeiras, cos enormes e redondos moletes que semellan ofrendas solares, nin é posible xa ollar lavandeiras parolando e cantando na beira do río ou baixo das verdes copas dos totémicos castiñeiros. Tampouco existen xa aquelas maravillosas feiras, cos seróns e cestos rebordando de froitas.
Recolle F. Huici, no texto do catálogo, a afirmación de Colmeiro de que era pintor dun só cadro; efectivamente, ese cadro repetido en variantes múltiples, é Galicia: a do traballo, a da vida e a da morte. Así que agora, cando se quere salientar a súa modernidade, a nós  seméllanos que radica non en estar mais ou menos nos cánones das xa vellas vangardas, senon en deixar este documento plástico dun mundo  que comenza a ser memoria.

MANUEL COLMEIRO