Solucionarmos as preferentes

Nas últimas semanas, dende o Goberno do Estado e dende o FROB estanse a proxectar medias verdades, cando non completas falsidades a respecto do problema dos galegos afectados pola comercialización das preferentes e subordinadas. Mesmo se chegou a publicar que non había outro xeito para eludir as futuras condicións de quita e canxe ca a arbitraxe, omitindo a vía da reclamación xudicial de nulidade.

As condicións de quita e troco que proporán NCG Banco, Bankia e demáis entidades estatalizadas só rexerán para aqueles que non obteñan a declaración de nulidade do seu contrato de adquisición desta caste de produtos. Esta declaración pode acadarse, quer a medio dun laudo arbitral, quer a medio dunha sentenza xudicial. As dúas vías son incompatíbeis, pero só dende o momento no que o afectado asina a conformidade coa proposta de devolución que lle presenta o banco. A mera solicitude de arbitraxe non aceptada polo banco permite pedir a nulidade pola vía xudicial.

Van aló máis de 13.000 casos resolvidos na arbitraxe, mais a Xunta ralentizou o proceso dende as eleccións, Así e todo segue aberto e semella que unhas 2.000 persoas acadarían solución por esta vía. O resto tería que demandar xudicialmente para acadar esta nulidade. Doutro xeito ficarán suxeitos aos termos da quita e canxe.

A demanda xudicial individual é máis segura e rápida, malia que existan posibilidades obxectivas da viabilidade das demandas colectivas, a presentada polo fiscal superior de Galicia e a que está a preparar Agaprofi. Neste senso, a admisión desta última dependerá de que os tribunais consideren que o colectivo de clientes minoristas afectados constitúe un colectivo homoxéneo e determinábel. Porque o problema da comercialización das preferentes non é que se lle venderan a analfabetos ou incapaces, senón a toda caste de clientes minoristas para os que non estaban concibidas. Vendas que nunha esmagante maioría adoeceron de defectuosa información e abuso de confianza, o que define a relativa homoxeneidade do colectivo para o efecto da demanda colectiva.

Solucionarmos as preferentes

Te puede interesar