A REXENERACIÓN DEMOCRÁTICA

Hoxendía grande parte da cidadanía concorda que a nosa é unha democracia de baixa calidade, nomeadamente por mor da colonización das institucións públicas (o Tribunal Constitucional e o Consello do Poder Xudicial) pola burocracia do PP e do PSOE, que levan monopolizando o noso sistema dende primeiros dos ano 80 do século XX.

Esta burocratización e xerarquización dos principais partidos xerou graves eivas na calidade democrática, que foron xustamente denunciadas polos “anoxados” do 15-M. Velaí a consagración das candidaturas pechadas e bloqueadas, en beneficio dos xefes dos partidos e dos profesionais da política, evitando que a cidadanía poida priorizar en positivo as súas escollas ou refugar de determinados candidatos a medio do emprego das candidaturas abertas.

Mais a rexeneración democrática require doutras medidas, como a limitación a un máximo de dous periodos dos mandatos dos deputados e concelleiros, para evitarmos a profesionalización da actividade política e favorecermos a rotación dos representantes. E, tamén, da xeralización das consultas cidadás e referendos, mesmo do referendo revogatorio á metade da lexislatura, para evitarmos limitar a democracia ao exercicio do voto cada catro anos.

Os partidos haberían comprometerse coas “candidaturas brancas”, compostas por persoas que non estean condenadas ou imputadas penalmente. E os candidatos haberían comprometerse a demitir se resultar imputados, sen prexuizo do dereito á presunción de inocencia e da reforma da lei procesual penal para evitar a “pena de banco”, modificando o réxime xurídico da imputación ao xeito USA ou portugués para que se fixer cando os indicios incriminatorios foran de certa dimensión.

Pois ben, os programas electorais do PP, PSOE e BNG omiten estas propostas, reflectindo outra das razóns da súa tendencia á baixa e da emerxencia doutras forzas que lle outorgan á rexeneración democrática a importancia que xa lle da a cidadanía deste país.

A REXENERACIÓN DEMOCRÁTICA

Te puede interesar