Cotas reducidas

Esta semana démoslle luz verde á cota cero, que responde a unha cuestión prioritaria neste mandato como é a de equilibrar os desaxustes económicos que existen entre a veciñanza. A súa aprobación no vindeiro pleno do xoves virá a confirmar unha política social que non se queda en boas intencións, senón que se reflicte na práctica. Coa modificación destas ordenanzas fiscais, as persoas que reciban o Iprem ou subsidios inferiores a este, que está fixado en 537 euros, non terán que pagar polos servizos básicos deste Concello, e os que gañan un 1,5 veces o Iprem, uns 805 euros ao mes, obterán ata un 75 por cento de bonificación.

A esta novidade, engadimos unha máis que vai na liña de loitar pola sostenibilidade e que premiará os e as veciñas que utilicen composteiro, xa sexa de forma individual ou colectiva cunha cota reducida do 50%. Trátase de abrir o melón para darlle sentido a esa perspectiva de residuos cero na que cremos e que pode ir parella ás outras porque desde o Goberno local trataremos de concienciar a forza de recompensas para que unha vez que este xeito de reducir o lixo estea xa introducido na sociedade, a cidadanía siga comprometida coa súa contorna.

Ademais, esta nova vía axústase tamén ás políticas que se enmarcan dentro da axenda 2030, que impulsa o Estado, e que marca o principio dunha forma de facer política na que non se contemplen máis que cuestións que favorezan a prosperidade e progreso do planeta. Pero penso tamén que a pelexa comeza no eido local porque se un non predica na súa cidade co exemplo, de pouco vale despois gabar outros xestos que veñen de fóra. Temos que cambiar o próximo para continuar con comportamentos promovidos a nivel estatal, contaxiar aos concellos periféricos e que uns empurren polos outros.

E ademais farémolo coa absoluta garantía de que isto non suporá perdas. Incentivar neste caso o consumo responsable non virá da man de cifras negativas nos ingresos do Concello. Isto virá acompañado doutras iniciativas como a que esta semana presentaban en Edar Bens sobre a Unidade Mixta de Gas Renovable e que fará que A Coruña poderá beneficiarse a través dos fogares dun proxecto que ata o de agora se converteu en combustible para un autocar metropolitano e tres furgonetas. Apostar polo equilibrio medioambiental e social son dous dos tres pilares deste Goberno local xunto coa reactivación económica. Son cambios xustos porque están pensados para facer que as persoas que non chegan, cheguen algo máis liberados a finais de mes ao non ter que afrontar gastos pola auga, a taxa de lixo e os servizos de depuración e saneamento. Son cambios asumibles e tamén responsables. A cidadania sempre ten que estar por diante e niso imos traballar.

Cotas reducidas

Te puede interesar