Tempos de Nadal

|

Teño a sensación de que os anos cada vez duran menos. Como se houbera recortes na duración temporal, ou emocional, dos clásicos 365 días. Ou quizás sexa unha cuestión de percepción ligada a outras variábeis, como a memoria, a idade ou os cambios de prioridades e perspectivas.
Un día, de súpeto, descobres nas televisións anuncios de turróns e de xoguetes; ou nas radios as músicas de panxoliñas e as promocións do chiquicentos aniversario do mítico Tamborileiro de Raphael... e como se dunha poderosa fervenza se tratase, todo pasa a ter a cor, o sabor e a textura, dese Nadal que temos metido nos máis fondos arcanos da nosa memoria vital. As cidades buscan crear o mellor dos ambientes nas rúas principais, para alegrar e incentivar as actividades comerciais.
E os acendidos das luminarias decorativas, sinalan Novembro como mes estrela do proceso de concienciación, de que os tempos son chegados. Co tempo de Nadal, pasa como cas áreas metropolitanas, medran en lonxitude e intensidade, e se antes empezaban o 20 de Decembro, hoxe chegan o 1 de Novembro, como o acendido das calefaccións.
Sempre tiven unha querencia especial polo Nadal, e pola choiva de boas intencións, mellores desexos, e a chegada dos christmas de Ferrándiz. E aínda sinto atracción polas clásicas imaxes da neve caendo cubrindo os tellados e as rúas, e as chemineas acesas cos rapaces arredor cantando panxoliñas. Son tempos de corazón, pero tamén de memoria. De agradecer o vivido e o sentido, pero tamén de lembrar aos que fixeron con nós algúns tramos deste camiño, e de botar de menos a aqueles cos que tanto sentimos, pero non estarán fisicamente con nós. Para tod@s ¡Bo Nadal!

Tempos de Nadal