GALLARDONAZO

|

Todos sabemos que Ruiz–Gallardón está a facer méritos diante do PP para se homologar co radicalismo de dereita que hoxendía constitúe tendencia no partido de goberno. E velaí o anteproxecto de lei de revisión de taxas xudiciais que aprobou o Goberno do Estado o 30 de marzo. Todos os cidadáns pagaremos elevadas taxas por preito, agás na xurisdición penal e na primeira instancia laboral (é dicir, os traballadores pagarán para poder recorrer en suplicación as sentenzas). Só zafarán os beneficiarios da xustiza gratuita, é dicir, as familias que ingresen menos de 14.900 €/ano.

Gallardón mentiulle aos representantes da avogacía, ao lles prometer que non habería taxas na primeira instancia

 

Gallardón mentiulle aos representantes da avogacía española, ao lles prometer que non habería taxas na primeira instancia. E continuou co seu plan de repagamento (a xustiza, como a sanidade, financiámola vía impostos) amosando o xorne deste Goberno, que confunde a maioría absoluta co cheque en branco para vulnerar os dereitos das persoas. O dereito á educación, a saúde e, agora, o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva.

Serán as Administracións Públicas, as organizacións máis abastadas e as persoas máis ricas as que se beneficien deste gallardonazo, que condena ás maiorías sociais a unha xustiza cara e desigual. Unha xustiza para ricos que coadxuvará, cos recurtes sociais, educativos e sanitarios, a impór un modelo baseado na desigualdade e na exclusión social. Velaí a altura moral coa que o Consello da Avogacía Galega (presidido por Antonio Platas) e decanos como Evaristo Nogueira defenderon o dereito dos cidadáns ao acceso á xustiza en condicións de igualdade, que é a primeira obriga que temos os avogados.

 

A ARRINCADEIRA

Os últimos díuas trouxeron dúas boas novas para a autoestima dos galegos. Antón Reixa gañou as eleccións ao SGAE cun programa para abrir as xanelas da institución e achegala á realidade plural territorial despois do nepotismo de Teddy Bautista. E o sector audiovidual galego, canda o acto de entrega dos premios “Mestre Mateo”, coincidiu na común diagnose da gravísima situación do sector e a apelación a prol do futuro dunha actividade estratéxica para a nosa economía e cultura, da que viven 3000 traballadores e que ten de seguer a crear contidos que nos representen e sexan exportábeis. Mágoa que o Conselleiro Vázquez, presente no acto, nin perceba nin queira percebir.

GALLARDONAZO