O PINTOR QUE NON QUIXO SELO

“E canseime dos ricos cos seus traxes e alfaias…E cambiéi de profesión….” Así se expresaba o noso “prismático e pluridimensional” creador Isaac Díaz Pardo, cando decide trocar os pinceis pola empresa cerámica; mais non obstante prodúcese o paradoxo de que teñamos que falar del, unha e outra vez, como pintor. Nesta ocasión, co gallo da mostra dos Fondos da Colección Novagalicia Banco (que ven a a ser unha repetición da que se fixera en 2004, cando a entidade aínda era Caixa Galicia).

Trátase de 35 obras, entre lenzos e debuxos, nos que se pode ollar a ambivalencia entre un sentir épico, –como ocorre en “A barca de Caronte” e en “Os afogados”, obras dos anos 46 e 47, cando aínda pesaba sobre él a formación académica e o influxo dos pintores do Barroco español e italiano–, e ese sutil e fino lirismo que aparece sobre todo no tratamento da muller; hai que salientar tamén a soltura e a delicadeza de trazo que amosa nos debuxos. Unha obra conmove especialmente pola súa rotundidade e ven a ser unha das máis fermosas homenaxes á muller galega, non como arquetipo, senon como pura carnalidade nutricia e doce sensualidade; falamos de cadro Maternidade, no que unha xoven nai amamanta a un neniño e do que Otero Pedrayo dixo que “...contiene la realidad de la raza de nuestra tierra, su belleza fuerte y candorosa…”.

Pensamos que, aínda que só fose por este cadro tan sentido, tan entrañado na realidade de Galicia como matria, tan perfecto de formas, tan cálido de luz, tan táctil que se sinte a suavidade da carne, merecería Isaac un posto especial no acontecer da nosa pintura.. Pero non deixamos de admirar os retratos, como o que lle fixo a María Antonia Dans e no que volvemos a sentir esa exuberancia da carne, ese ubérrimo don da natureza, ese gozo puro da sinxela beleza, sin adubíos. Incluso cando o dramatismo está presente, como ocorre con “O xuizo de Salomón”, o corpo núo da muller é un cántico de curvas redondeces e de afirmación na vida e testemuña dun fondo amor que logo encauzaría nas terras e formas cerámicas do Castro e de Sargadelos.

Toda esa paixón, esa vida que latexa ahí, neses cadros, é a mesma que o levou a entregarse sin condicións a Galicia, ata o “martirio” final. Inmenso exemplar humano donde os haxa, Isaac Díaz Pardo é xa un fito non só historia da nosa cultura, senon tamén, e pese a él, na da nosa pintura.

O PINTOR QUE NON QUIXO SELO

Te puede interesar