Carburantes caros

|

OGoberno galego decidiu aforrar no seu parque móbil e deulle por mirar os prezos dos carburantes e tras un ano de estudo chegou á conclusión de que no territorio da Xunta os prezos dos combustibles son máis caros que en España. Isto si que é unha acción de mirar pola cidadanía. Así que vai tomar cartas no asunto, pero para nada, porque todo vai seguir igual, como cando venden que a competencia será boa para o consumidor e anos despois salta a noticia de que tal organismo está a investigar o pacto de prezos entre as compañías do sector.
Cando saen as estatísticas dos prezos dos carburantes nas estacións de servizo sempre aparece como a máis cara unha que está cerca da refinería da Coruña. Este foi un dos argumentos, o do custo de transporte, esgrimido para abaratar o importe dos carburantes, pero está visto que non. Como no cómic de Asterix en que o pescantín da aldea, co mar ao lado, só vendía peixe traído de París porque era máis fino, as gasolineiras galegas só serven gasóleo chegado das depuradoras de cru españolas, mentres que o carburante galego se vende baixo a etiqueta de Galicia Calidade, así que ten outro valor.
As petroleiras dedícanse moitas veces a tomar o pelo aos seus clientes nas estacións de servizo con ofertas, descontos e parvadas nas que caemos sempre. No meu caso foi en dúas ocasións e desde aquela, paso. Nunha primeira ocasión estiven cativo dunha gasolineira durante un ano porque dicían que tras acumular non sei cantos puntos por respostaxe daban uns litros de gratis. Cando alcancei a numeración esixida para o premio gordo e pedín que me botasen os litros gratis prometidos, dixéronme que esa promoción xa caducara había seis meses segundo se alertaba nun cartel tamaño posit apegado nun cristal da oficina. De coña. O caso é que seguían dando puntos aínda coa oferta xa finalizada.
En outra ocasión caín na trampa de pagar con cartón de crédito porque ía ser obsequiado cunha porcentaxe de desconto que non se aplicaba se abonaba o importe con un de débito. Levado da alegría lánzome a encher o depósito feliz e contento varias veces durante varias semanas para gozar do xeneroso desconto até que me chega á casa o extracto da tarxeta onde tras unha hábil contabilidade creativa e reviravoltas de importes, porcentaxes, impostos, descontos e non sei que máis o prezo final era o mesmo ou máis caro que se pagase sen ningún dispositivo electrónico. Na actualidade boto gasolina na mesma estación low cost e sempre dez euros, por aquilo de que o prezo varía a diario e quiteime do vicio das promocións das grandes compañías.

Carburantes caros