Do imperfecto

A perfección absoluta transmite frío. Incluso distancia, como que bota a un para atrás. Produce cando menos un certo temor a non a estar a altura. Por iso, eu navego mellor entre o lixeiramente imperfecto. 

A fin de contas na imperfección está a verdade. Ademais só o imperfecto admite correccións. Aínda que sabemos que nada hai máis imperfecto, que a propia realidade. Que o PP vasco quede fóra dun acordo para as eleccións vascas, tramado polo PP nacional con Inés Arrimadas sen a presenza de Alfonso Alonso, é un bo exemplo ilustrativo. 

Hai quen di que isto non é imperfecto, é esperpéntico. E podemos estar de acordo, a fin de contas ninguén dixo nada de graos e niveis. Probablemente, o polvorín, no que se ten convertido o Congreso nos últimos tempos, tamén é un bo exemplo. A cortesía parlamentaria brilla pola súa ausencia e os discursos rozan, demasiadas veces, o nivel tabernario. Non hai respecto institucional, pero si demasiadas burdas manobras para tensionar a unha sociedade xa de por si tensionada.  A situación do campo tamén é ilustrativa. Protestan, con razón, por demasiados abusos e por ser o nivel máis feble dunha longa cadea de beneficiarios, que gañan máis sen mancharse as mans. Non nos colle de novas. Pero sorprende que aguantaran tanto, que resistiran tanto tempo sen esixir estas xustas reclamacións en ningún dos formatos habituais, ata agora. Co que podemos afirmar que, en demasiadas oportunidades, o que é xusto non concorda, nin en xénero nin en número, co que é perfecto. 

Vivirte é unha paisaxe alta de sentidos –díxolle El– coa emoción  incesante de sentirte, e a paixón adxectiva de abrazarte ata sentirte os osos, ou a nostalxia de pedra afiada, das palabras feridas que perdemos... Ás veces, queda o oco dunha luz, adormecendo a sombra que habitamos...

Do imperfecto

Te puede interesar