De vítimas e xuices

|

Demasiada dor e demasiadas veces. Argumentarios repetidos no desenrolo das noticias que narran a impotencia e a inxusta morte de mulleres a mans daqueles que lles xuraron complicidade e paraísos. Violencias repetidas que engaden capas de nomes sobre outras capas de nomes, construíndo un substrato denso, insoportable e que nunca remata. E cada día, novas sentenzas absurdas asoman insistindo na ferida. E cargadas de dardos envelenados que sempre asombran e sorprenden e constrúen situacións de desamparo. Dende esa ambigua posición dominante de aparente neutralidade, a tendencia é a sospeitar que a meirande parte das vítimas esaxeran nos seus temores. 
E as traxedias seguen e os dramas repiten guións e desenlaces. O único que faltaba nestes dramas é que houbera xuíces que esqueceran cal é o papel que lles corresponde neste asunto. Xuíces que, dende a impunidade da súa condición, satirizan, opinan de parte e insultan a unha muller maltratada que loita pola custodia dos seus fillos. Un xuíz de violencia de xénero, burlándose de vidas e persoas. Ás veces, algún recibe ese castigo do azar. Algún deles, por casualidade, queda sen a máscara que utiliza para pasar desapercibido, porque un micrófono recolle e deixa as súas verdadeiras intencións ao descuberto. Coma o xa famoso xuíz Martínez Derqui, inxusto inquisidor que violenta o principio de equidade con premeditación e aleivosía. Menos teoría e máis acción. Máis medidas de protección, mellor formación de xuíces e maior responsabilidade. Máis dignidade e mellor xustiza.
Invádesme os sentidos coma unha febre alta –díxolle El– coma paisaxe ampla na que habitan estacións grises, cidades nocturnas, illas con faros baleiros e sempre as cartas fráxiles que escribes, coa maxia emocionada do sentido...

De vítimas e xuices