Xustiza para Diego

O 14 de xaneiro a policía filipina asasinaba perto da súa casa o mozo coruñés de 32 anos Diego Bello. Si, asasinaba. Aquí non cabe outra expresión nin pór a palabra entre aspas. Foi un asasinato puro e duro, con absoluta premeditación. Desde ese mesmo día unha onda de indignación abriuse paso na nosa cidade, ao tempo que familiares e persoas achegadas a Diego comezaban unha loita cun único obxectivo, restaurar o bon nome do seu ser querido e pedir que se fixese xustiza.

Diego foi asasinado (dobremente asasinado porque, alén de o matar, a policía filipina quixo manchar a súa honra) baixo a acusación de estar envolto no narcotráfico. Os responsábeis policiais do arquipélago asiático non achegaron nin unha soa proba que dese verosimilitude a tal imputación e a súa versión, a de que se producira un tiroteo en que Diego abrira fogo contra axentes armados, nunca tivo a menor credibilidade. Moito menos despois de que as autopsias realizadas —unha en Madrid polo Instituto Anatómico Forense, outra en Manila—demostraran que non había rastros de pólvora nas mans de Diego. E por se cabía algunha dúbida, o informe toxicolóxico evidenciaba que o mozo coruñés non consumía ningún tipo de substancia estupefaciente. Era unha persoa sa e deportista. Nin tiña adicción ás drogas nin traficaba con elas.

Diego é unha vítima máis dun Estado represor e mafioso que, segundo os datos que manexa a Comisión de Dereitos Humanos de Nacións Unidas, asasinou 30.000 persoas nos últimos tres anos. Un Estado que, por certo, non está baixo o foco da que se autotitula como comunidade internacional, o que obviamente leva o autócrata Rodrigo Duterte a continuar utilizando a policía como auténticos escuadróns da morte para perpetrar asasinatos masivos con tintes xenocidas.

Que facer ao respecto? Desde logo non ficar de brazos cruzados e acompañar politicamente a familia e as persoas que querían a Diego. Elas crearon a plataforma Xustiza para Diego e o BNG, desde a area política, uniuse aos seus esforzos rexistrando iniciativas no Congreso e no Parlamento europeo e promovendo unha declaración institucional do Pleno do Concello da Coruña.

O que pedimos é basicamente que as autoridades españolas e comunitarias esixan de Manila o esclarecemento dos feitos e a depuración de responsabilidades. E pedimos tamén, faino o noso deputado Néstor Rego no Congreso, que o Estado español compareza na causa para demandar información e lograr a total exculpación de Diego Bello. É unha cuestión de xustiza e éo tamén de dignidade. Hai lugares do mundo (e a maior parte deles, volvo repetir, non son aqueles que espertan o interese da ‘comunidade internacional’) en que a vida dun ser humano non vale nada. A causa pola reparación da figura de Diego Bello é tamén a causa por un mundo máis xusto e digno de ser vivido

Xustiza para Diego

Te puede interesar