Nos pequenos concellos pódense atopar persoas co síndrome “empresarial”, é dicir, que dalgún xeito pensan que o seu concello é unha empresa na que eles mandan e ordenan.
En ocasións, pode ser un funcionario “endiosado” que dispón pola súa conta o que é mellor para o concello, aínda que iso sexa peor para os veciños. Ou tamén pode ser o político “iluminado” que quere facer grandes obras, como un arco de trunfo, unha gran zona verde chea de pedra, un grande “boulevard estilo parisien”, unhas torres de quince pisos, ou un ascensor especial no lugar máis insospeitado.
Estes curiosos exemplares da fauna humana caracterízanse pola súa “suficiencia”, por crerse máis listos que os demais, e non dubidan en derrubar e desfacer o que outros fixeron para demostrar a súa superior intelixencia.
Con frecuencia falan de embelecer, modernizar ou humanizar, sempre segundo o seu criterio, sen importarlles que a súa opinión non sexa compartida polos cidadáns. E así nos vai.