PASAMOS DE VENEZUELA

Adereita galega gusta de facer seguidismo da resesa ideoloxía madrileña centralista, que ten a súa referencia de veciño con envexa en Francia, Berlín, Varsovia ou calquera capital europea onde apareza un friqui de discurso contra a chamada esquerda. Así que aparece aquí, en sede parlamentaria, un problema do que nos saímos prexudicados. A non ser que haxa máis valencianos ou murcianos en Caracas do que galegos ou canarios, habitantes das autonomías con máis presenza en Venezuela.
Como tamén nos pasa con Cuba ou Arxentina, se o goberno dos países de alén mar non gusta en Madrid, alá imos os galaicos en abandeirados da liberdade para eses pobos oprimidos por gobernos marxistas, leninistas ou maoístas. A fin de contas, a nós, tráenos sen coidado que sexa o mandamáis de por alá. Pero está de moda Venezuela, país que saltou á palestra por un asunto doutro partido madrileño, Podemos, que foi utilizado pola dereita para crear un estado de opinión, de tal modo que hai xente en Galicia que non dorme pensando nos problemas que sofren aqueles infelices caribeños e a súa carencia de produtos de primeira necesidade. Unha coña. A mesma xente que pena aquí por Caracas, esquece que á volta de calquera rúa galaica hai xente que non chega a fin de mes sen axudas sociais.
Os nosos parlamentarios non teñen outra cousa que facer que learse por Venezuela, pero o máis chistoso é que a oposición entre ao envite do PPdeG e se converta en paladín do réxime de Caracas, facendo seguidismo da nova onda madrileña de progresismo de protesta. Ao chamado conxunto da cidadanía, a política de Maracaibo tráelle ao pairo. Habería que pensar se o Parlamento está para lexislar ou para perder o tempo.
Recordo unha sesión hai anos, cando se decidiu desde o goberno federal retirar o distintivo das provincias nas matrículas dos coches porque se acabaran as combinacións, que o nacionalistas protagonizaron un duro debate defendendo a identificación. Non entendín porque o BNG perdeu o tempo nunha sesión reivindicando as fronteiras provinciais, cando fóra da Cámara, antes e agora, avogan por desmontar o sistema de provincias e o seu entramado deputacional, algo no cal coinciden todos os galaicos de a pé, menos o partido que dirixe un organismo provincial.
Se algún goberno autonómico coñece de primeira man a política en América ese é o galego porque no houbo mes desde que temos autonomía que non houbese presidente, conselleiro ou secretario xeral que non andase por alí desde a Patagonia até Alaska, xa fose en viaxe oficial ou pseudovacacional. Pois habería que explicar a que van, porque veñen cheos de encargos fantasma e despois dedicasen a falar contra eses países. Os galaicos debemos de pasar da política exterior española e facer a nosa propia, que estamos máis cerca de Venezuela ou Cuba que da China e non sexamos falsos coa democracia, que a esiximos a uns e a outros tararí.

PASAMOS DE VENEZUELA

Te puede interesar