Das incesantes inquedanzas

Segue a vivir agosto en nós, engadindo calor, luces intensas e unha ampla gama de cores, que vestiron de gala neste ano tan imprevisible. E chegaron sorprendentemente as choivas, necesarias e imprescindibles, e algunhas case máxicas, como as que axudarán a facer unha mellor colleita de albariño. Dos temas consubstanciais a estes días, como o de onde está o emérito, seguimos no formato do clásico vivo sen vivir en min, e ata nin sei o que espero... e xa saben vostedes aquilo de nin contigo nin sen ti. Hai temas que teñen un recorrido limitado e un silencio innecesariamente longo. Penso que debe de ser o emérito o que comunique e informe de que está a facer, e onde. Este home, polo de agora libre de po e palla, ten a habilidade de converter en problema todo o que toca. E de meter en charcos aos demais, sexan as Institucións, o seu fillo Felipe VI, ou á Presidencia do Goberno. É un don coma outro calquera. Tamén é certo que pola súa condición e formación, probablemente non sexa consciente de ter cometido mal algún. Tal e coma sucedera noutros episodios moi sonados da súa vida e polos que, moi a regañadentes, tivo que pedir perdón. Mentres, Putin presume de ser o campión mundial da vacina contra o Covid-19, e como para amolar, bautizouna co nome de Sputnik. Unha nova volta á época da guerra fría e de reivindicación dos escasos triunfos na carreira espacial. Descoñecemos a súa eficacia, pero de momento o principal efecto secundario, foi meterlle o dedo no ollo a Donald Trump. 

Os poemas sempre son incompletos sen ti -dixo El- é como os invernos sen abrigos ou os pantaláns sen barcos somnolentos. Ás veces o teu sorriso chega sen aviso e desborda os sentidos. Acaso nos outonos, o tempo vai deixando pegadas esquecidas...

Das incesantes inquedanzas

Te puede interesar