Determinación

Leo estes días na prensa que a decisión de intervir directamente en Nostián foi unha determinación “arriscada”, pero non entendo outra forma de gobernar que non sexa así. Non podemos escatimar esforzos por cambiar o que está mal. Penso que a situación na planta de residuos non se pode estender máis no tempo porque, primeiro, en Albada veñen de comunicar un ERTE sen xustificación nin sustento legal e, por outra parte, anunciaron en outubro de forma unilateral que deixarían de recolleren residuos procedentes do Consorcio das Mariñas con todo o agravio ambiental e económico que isto significa. Neste aspecto, non imos de quedar de brazos cruzados agardando a que se lles dea solución aos problemas sen sermos parte activa en todo o que atinxa á nosa cidadanía. A veciñanza está e estará sempre por diante e neste aspecto, o do lixo é un servizo esencial que está en grave perigo. 

Se a Xunta de Goberno Local optou por actuar de forma directa na planta foi para garantir a súa continuidade nas condicións que lle esiximos á concesionaria en novembro cando prorrogamos o contrato. Non hai marcha atrás. O 1 de xaneiro estarán todos nos seus postos, os 39 empregados do ERTE incluídos, para atenderen á recollida de lixo na Coruña e no Consorcio. A persoa ou persoas que se poñerán ao fronte aseguraranse de que así sexa porque é obriga nosa sacar toda a maquinaria xurídica e técnica a funcionar co fin de evitarmos unha crise ambiental pola paralización do servizo.

Hai que ter en conta os prexuízos económicos que implica a decisión de non recoller residuos na comarca, o futuro estaba pillado con pinzas e, en todo caso, non era admisible que a empresa se negase por conta propia a pasar cos camións pola comarca e xerarase un expediente de regulación de emprego artificioso. Con todos estes antecedentes, tiñamos que ser firmes e penso que así o estamos sendo. Sen obter ningunha resposta nas 72 horas que demos de prazo por parte deles, a semana que vén asignaremos un interventor que substituirá a dirección da empresa e que se encargará de restablecer a prestación do servizo durante un tempo limitado de oito meses.

Agradezo que nesta loita contemos co apoio do resto da corporación e dos concellos que conforman o consorcio e agardo a colaboración por parte da empresa para que non poñan impedimentos nesta intervención. O diálogo con eles é permanente. 

Desde a Concellería de Medio Ambiente, non descansaron nin un minuto por levar a bo porto un conflito que se agudizou tras o comezo da folga o pasado 8 de decembro. Estiveron día e noite pendentes para que se puider seguir prestando o servizo, que se cumpriren os servizos mínimos e que a cidade se vise afectada o menos posible.

Cremos que estamos no camiño correcto e que asumindo esta nova afronta, paliaremos danos que serían irreversibles, xa que non lle darmos continuidade ao servizo si suporía grandes custos económicos e, sobre todo, ambientais.

Determinación

Te puede interesar