Diálogo e logros concretos

Desde o minuto un do novo mandato en María Pita o BNG apostou con clareza por que se abrise paso no concello un clima de diálogo entre todas as forzas políticas. A cidade non pode repetir dinámicas do pasado nin reproducir a escala local a parálise que maniata a política no estado desde as eleccións de xuño. Temos demasiadas tarefas pendentes como para permitírmonos ese luxo. Mais sempre dixemos que o diálogo non pode ser pura aparencia, que ten que se traducir en logros concretos e que debe levar aparellado o cumprimento daqueles acordos que se asinen entre os distintos axentes políticos. O BNG, desde logo, ten por norma ser leal sempre a aquilo ao que se compromete.

O pasado 19 de xuño, o BNG asinou co Partido Socialista un acordo para viabilizar a investidura de Inés Rey. Imos vixiar o seu cumprimento porque é o que agardan de nós as veciñas e os veciños. Queren de nós que dialoguemos e que non enlamemos a vida política do concello con leas estériles. Si, mais tamén queren de nós que ese diálogo sexa fructífero e produza  resultados que melloren a vida de todas e de todos. Por nós desde logo non vai quedar.

Xa no pleno deste pasado xoves viuse que onde hai vontade política, hai tamén capacidade de entendemento. Deste xeito, o conxunto da Corporación votou por unanimidade tres mocións do BNG sobre asuntos nada menores: a defensa do tecido industrial da cidade –coa oposición á deslocalización de R–, a reivindicación da dignidade democrática e a memoria histórica –coa iniciativa para a recuperación da titularidade municipal da Casa Cornide– e a abordaxe do grave problema do acceso á vivenda –coa proposta para a Seguridade Social ceder de balde ao concello as catro moradas baleiras da Torre dos Mariñeiros, con vistas a engrosar o parque municipal de vivendas para o aluguer social–.

Ese é o camiño. Acordos para facer avanzar A Coruña. Dixen no pleno que “o labor de oposición do BNG non vai consistir en pór paus nas rodas á acción do goberno” porque unha actitude obstrucionista está lonxe de ser aquilo que precisa a cidade. Imos fiscalizar con espírito crítico o labor do executivo porque o noso proxecto político é claramente alternativo ao do Partido Socialista, mais á vez imos pór sobre a mesa propostas para a súa materialización porque concebimos a política como unha ferramenta para transformar en sentido positivo as condicións de vida da xente. Daí que no acordo de investidura de xuño pactásemos co PSdeG comezarmos xa neste mes de setembro as negociacións para dotar o concello dun orzamento plenamente operativo no mes de xaneiro.

Digámolo claramente: A Coruña non pode voltar a vivir cun orzamento prorrogado. A experiencia dos últimos meses relévame de facer máis comentarios ao respecto. Só basta cun dato para decatármonos da importancia deste asunto: da aprobación dun novo orzamento para 2020 depende a aplicación de investimentos directos na cidade por valor duns  50 millóns de euros. Son imprescindíbeis para combater os sinais que debuxan unha hipotética recesión no horizonte, tal e como se tira dos últimos datos de desemprego na Coruña.

Queremos, pois, uns orzamentos en tempo e forma, mais non queremos uns orzamentos calquera. Necesitamos unhas contas nas que plasmar aquelas que para o BNG deben ser as prioridades deste novo mandato: a dinamización do tecido produtivo e a criación de emprego de calidade, a rexeneración urbana, o reforzo dos servizos públicos e as políticas sociais coa aprobación dun Plano de Inclusión, a aposta noutro modelo de mobilidade e a garantía dun dereito cidadán básico, o do acceso a unha vivenda digna. Ben, nada disto é posíbel se o concello non se dota dunhas contas ambiciosas e marcadas polo seu carácter social. Por iso nas conversas que manteremos co goberno local imos esixir que estes asuntos, contidos tamén no acordo de investidura, teñan reflexo nas partidas orzamentarias para 2020.

Así vemos desde o BNG a política: diálogo, por suposto, mais sempre coa vocación de que se traduza en logros concretos para as veciñas e os veciños.

Diálogo e logros concretos

Te puede interesar