Os dereitos básicos non esperan

Cincuenta e cinco. Unha cifra fría e silenciosa, non? Cincuenta e cinco fogares, unha estatística que parece non dicir moito. Cincuenta e cinco fogares que teñen dereito á Renda Social Municipal e que non a están percibindo. As cifras teñen detrás a persoas que, por unha especie de anestesia á dor, se intentan ocultar. 

Estes son os datos que a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, nos deu no último Pleno do Concello da Coruña coma se non tivesen moita importancia. Coma quen ve, pero non quere mirar. En xullo, houbo 35 persoas que quedaron un mes sen cobrar a Renda Social. En agosto, foron 55 as persoas que sufriron o atraso no pago, e que aínda seguen a agardar.

Quero determe un intre para explicar o que isto significa. A Renda Social Municipal é a última axuda á que se pode optar para cubrir as necesidades máis básicas para a vida.  Só pode pedila alguén a quen xa lle denegaron a RISGA da Xunta ou outras axudas similares, quen non ten outro lugar onde acudir. A Renda Social do Concello da Coruña deseñouse como a última oportunidade para fuxir da exclusión social, unha oportunidade que están a recibir máis de 400 fogares. E que se lles está a denegar a outros 55.

Estes 55 fogares que non están a cobrar a axuda teñen dereito a facelo. Os seus casos foron valorados polo equipo municipal correspondente e cumpren as condicións para recibir a prestación. Pero o goberno municipal non está a cumprir coa súa obriga. O benestar, o simple ben estar, para quen é?

A Renda Social foi posta en marcha no ano 2016, no anterior mandato, para dar cobertura ás necesidades básicas para a vida. Para tenderlle unha man a quen está a piques de quedar sen alternativas. Por iso é tan grave non cumprir con ela. 

Esta situación que afecta a cincuenta e cinco familias ten un motivo claro: o bloqueo aos Orzamentos 2019 deixou ao Concello sen fondos suficientes para asumir o pago da Renda Social, e o mesmo sucede coas axudas de emerxencia, aínda que o goberno municipal non ofreceu datos sobre isto último. Cando en febreiro o PP e o PSOE, por motivos electoralistas, uniron os seus votos para bloquear a proposta de orzamentos que fixo o goberno da Marea Atlántica, fixéronllo pagar á cidade. E son as persoas máis vulnerables as que están a sentir as consecuencias.

Ao ter que prorrogar os orzamentos, 1,6 millóns que se estimaban necesarios para a Renda Social no 2019 quedaron en apenas un millón, un 35% menos. En situación similar se atopan as axudas de emerxencia, que deberan ter 1,1 millóns de euros reservados, pero só teñen en 800.000 euros, un 20% menos. Eramos conscientes desta situación en xuño, e así llo trasladamos ao novo goberno municipal, tanto no traspaso de poderes como nas negociacións para o que foi o noso pacto de inicio de mandato. Unha das primeiras condicións dese pacto é, de feito, procurar fondos para as axudas sociais.

Pode facerse a través dunha simple modificación dos orzamentos coma a que se levou ao pleno desta semana para pagar facturas do IMCE. Pode facerse e, como xa dixemos moitas veces, o PSOE pode contar cos votos da Marea Atlántica para aprobalo. Pero para iso é urxente que se poñan a gobernar. 

Un goberno comprometido socialmente sempre debe ter como prioridade absoluta evitar que ninguén quede atrás. E mirar, non só ver.

Os dereitos básicos non esperan

Te puede interesar