O que non é

|

Opresidente da Xunta e o portavoz parlamentario do Bloque leáronse por ver quen deles era máis galego. Cada un cos seus argumentos tiraron de historia, pareceres e non chegaron ao ADN por non se sabe que cousa. A controversia viña ao conto de que Feijóo botoulles en cara aos nacionalistas, ou internacionalistas de Beiras, que se sentisen máis identificados cos homólogos cataláns, valencianos ou vascongados que con el, co que posuían moito máis en común, cando menos a mesma patria, país ou terra queimada de nacemento.
Feijóo entrou nunha clara contradición ao argumentar os seus sentimentos patrios, porque, por un lado, declarábase primeiro galego e despois español e a medida que avanzaba o seu discurso falaba do contrario, exceptuando o argumento peregrino de considerarse europeo, porque xa postos iso de ter puntos en común un autóctono e un tudesco como que non é, como tampouco parece apropiado que nos comparemos con andaluces ou manchegos, que case nin sabemos por onde veñen caendo.
Ten razón Feijóo cando lles recorda aos nacionalistas, principalmente ao Bloque, que Galicia non conta para Cataluña ou o País Vasco. Nin sequera nos nomean cando falan da singularidade española, así que para que nos imos aliar con eles dos cales nos separa a historia e o ADN, cando temos a poucos quilómetros o antigo reino que chega até Viana do Castelo con excelente parecido galaico, aínda que para eles somos españois, dos que levan malos ventos.
Ese momento do ano de intercambio de culturas que é o verán serve de campo de probas do que somos ao resto mundo, máis alá das reportaxes da prensa británica. Un día de estío que estaba contribuíndo á recuperación do consumo nun restaurante ou casa de comidas ou onde daban de comer, que a denominación do local é o de menos, coincidín cunha familia de autocaravanistas belgas que tamén terían fame. Estes utilizaron o método de pedir os pratos sinalando co dedo o que se comía por alí, posto que o nivel de interlingua era baixo para os dependentes ou baristas, como se chaman agora.
Cando estes belgas xa se estaban tragando a tortilla e a ensalada rusa e non sei que máis, viron desfilar ante eles unha fonte de mexillóns preparados ao vapor e comentaron que descoñecían que nos mares galaicos houbese tal vianda.
É sabido que os mexillóns son o prato típico de Bélxica, como o bacallau era típico galego. Se ao final estamos máis unidos cos Países Baixos pola cociña que cos preparados cataláns ou revoltos vascos, aínda que o lamentable sexa que unha das principais industrias galaicas sexa descoñecida no resto de Europa.

O que non é