TEMPOS NEFASTOS

Cumpríronse os cen días de goberno de Rajoy. É difícil imaxinar en tan pouco tempo un panorama máis desolador. Acho que se houbo miles de asalariados que votaron polo PP crendo con inxenuidade no conto chinés dos fiíños de fuel, quer dicer da saída segura da crise, agora xa se darían conta da natureza deste goberno e da crueza da súa reforma laboral. Supoño que moitos deles se sentirán burlados e moi alporizados, e que, se xa non lles ocorreu, estarán a piques de perder os restos de optimismo e de esperanza que podían ter.

Cen días que foron longos como cen anos, mais cara atrás polo túnel do tempo. Cen días aplicando aos pobos do Estado, por mor da crise, a versión hispana da terríbel doutrina do schock, como diría Naomi Klein, cunha sucesión de sustos e de ameazas continuas de axustes e tesouradas, fatal e eficazmente cumpridas. O pequeno Estado de benestar que había esfarélase, e a vida dos cidadáns e cidadás degrádase sen remedio, incrementándose prezos e desemprego até niveis inimaxinábeis. Entretanto a economía cai nun pozo sen fondo do que se callar nin nunha década se vai saír. A falta de perspectivas de futuro da mocidade; a inseguridade laboral, económica e de vivenda de familias e de persoas; a ameaza de indixencia e de falta de atención sanitaria na vellez, están a levar á frustración e a unha dramática infelicidade a millóns de cidadáns. Como consecuencia, entre as persoas con menor resistencia psicolóxica, superando xa aos mortos por accidente de tránsito, disparáronse por mor da crise o número de suicidios, alcanzando a tráxica cifra de dez persoas por día.

A situación actual lémbrame á de Rusia no ano 1992 baixo o goberno do Yeltsin, que prometendo mellores condicións de vida, produciu, polo contrario, unha verdadeira catástrofe económica e social. Tamén como esta baixo inspiración dos abutres do FMI e das ideas neoliberais e antisociais da Escola de Chicago. Non sei se Rajoy será consciente do triste cometido histórico de ser gobernante dependente, para levar a un estado enteiro a un maior nivel de pobreza e precariedade, apenas por contentar ao magnates do sistema bancario e financeiro.

É normal, pois, que o desgosto popular se xeneralizase nestes tempos nefastos, pola implantación da nova orde neoliberal, apesar de que a poboación estivese até agora moi acomodada e fose tradicionalmente conformista e indiferente perante os asuntos da rex pública. O éxito da última greve xeral por mor da reforma laboral e a perda por parte do PP das eleicións andaluzas e asturianas anuncian un definitivo despertar da conciencia e da reacción da cidadanía.

A inxenuidade ben pensada dos moitos incapaces de facer dano a ninguén, impedíalles ver o que agora comproban acotío, como é a existencia de xestores insensíbeis, aos que non lles treme o pulso, aínda que sexa para tomaren decisións que causen catástrofes sociais irreparábeis. É que a crise só a pagan os asalariados vía IRPF, inflacción e diminución das prestacións sociais, sen que se toquen rendas empresariais ou a fraude fiscal, nin se eliminen institucións desnecesarias, que serven só para a clase política. Nin sequer as novas medidas autoritarias do ministro do Interior contra a lexítima, moral e democraticamente, resistencia pacífica, evitarán os conflitos.

TEMPOS NEFASTOS

Te puede interesar